A Coruña, 31 de maio de 2015.- A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha dende este luns, día 1 de xuño, unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores que se estenderá ata o próximo domingo.
Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán, durante toda a semana, os controis de alcohol a condutores nas vías galegas. Igualmente, potenciarase a colaboración cos concellos para realizar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de ocio nocturno.
A Delegación do Goberno recorda que o alcohol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais. A súa presenza na condución multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro e constitúe un factor agravante das súas consecuencias.
No ano 2014, as análises toxicolóxicas realizadas a condutores falecidos en accidentes de tráfico revelaron que un 39,09% deles presentaban unha taxa de alcohol etílico en sangue superior a 0,3 gr/l, unha porcentaxe que ascendía ata o 39,88% no caso de peóns falecidos pola mesma causa. E é que o peón, como usuario máis débil da vía, necesita tamén estar en pleno uso das súas facultades físicas e mentais para non correr riscos. Menor percepción ou percepción equivocada do seu ámbito, perda de visión, maior asunción de riscos, son consecuencias que se derivan da inxestión de alcohol, aumentado a posibilidade de sufrir un atropelo.
Cambio de hábitos
A DXT detectou un cambio no comportamento dos cidadáns que supuxo un descenso significativo dos positivos detectados en controis de alcoholemia no último decenio. En España pasouse do 5,1% inicial ao 1,7% dez anos despois e o propósito da DGT é baixar do 1% os positivos nos controis preventivos, tal e como se fixou ao deseñar a Estratexia de Seguridade Vial para o decenio 2011-2020.
En todo caso, a Delegación do Goberno quere advertir de que esta evolución non significa que se eliminase o risco. O obxectivo, tanto desta nova campaña especial coma dos controis ordinarios, é proseguir nesta liña descendente. A única taxa segura, recórdase, é o 0,0%, pois aínda que nos creamos en pleno uso das nosas facultades físicas e mentais, coa inxestión de alcohol estamos a multiplicar o risco de sufrir un accidente. Mesmo con taxas de alcoholemia dentro das marxes legais permitidas, o nivel de risco de accidente de tráfico pode verse incrementado, polo que o óptimo é non ter consumido alcohol en absoluto se se vai conducir.
Á parte do alcohol, evidenciouse que a presenza de drogas no organismo afecta ás capacidades para unha condución segura, polo que o consumo de substancias psicoactivas será tamén obxecto de control nesta campaña especial. Dentro deste tipo de substancias, o cannabis e a cocaína seguen sendo as máis frecuentemente detectadas nos condutores sometidos a controis na rede viaria española.
Lei de Seguridade Vial
Tras a modificación da Lei de Seguridade Vial, cuxa entrada en vigor se produciu o pasado ano, a lexislación prohibe conducir con presenza de drogas no organismo, quedando excluídas as substancias que se utilicen baixo prescrición facultativa e cunha finalidade terapéutica. Esta infracción administrativa está castigada cunha sanción de 1.000 euros e a detracción de 6 puntos, mentres que a condución baixo a influencia de drogas prosegue pola vía penal (artigo 379.2 do Código penal).
En canto ao alcohol, a sanción mantense en 500 euros e a detracción de 4 a 6 puntos a infracción por conducir con taxas de alcohol superiores ás establecidas. Ademais, serán sancionados con 1.000 euros aqueles condutores que xa tivesen sido sancionados no ano inmediatamente anterior polo mesmo motivo, así como aqueles condutores que circulen cunha taxa que supere o dobre da permitida.
Outro precepto que entrou en vigor foi a obriga que teñen, non só os condutores, senón todos os usuarios da vía, de someterse ás probas de detección de alcohol e drogas cando estean implicados nun accidente de tráfico ou cometesen unha infracción.
Dende a entrada en vigor da Lei do Permiso por Puntos, arredor do 12% dos infractores sancionados e do 14% dos puntos detraídos tiveron a súa causa no feito de conducir cunha taxa de alcohol superior á establecida.























A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado na inauguración, onde destacou o valor desta iniciativa que leva “máis de vinte anos unindo ás persoas arredor do coñecemento, da experiencia compartida e do orgullo polo rural”.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.



