Foz, 15 de maio de 2015.- O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, visitou este venres Foz para apoiar ao candidato dos populares á reelección como alcalde, Javier Castiñeira. Durante un paseo dende o porto ata a praia da Rapadoira falaron do presente e do futuro do municipio.
Feijoo e Castiñeira percorreron a zona portuaria e o entorno da praia da Rapadoira xunto co presidente provincial do PP, José Manuel Barreiro; o secretario xeral, José Manuel Balseiro; Raquel Arias, outros cargos do partido e membros da candidatura dos populares focenses.
Ao rematar a visita Javier Castiñeira comentou que “nestes catro anos, que foron moi difíciles, sempre estivemos apoiados polo presidente da Xunta de Galicia; e, facendo balance, hai que agradecerlle esa confianza que tivo en Foz. Estamos realizando obras importantísimas, como a do xeriátrico, que está moi avanzada e quedará rematada a finais deste ano, polo que poderá iniciarse a actividade na residencia no primeiro semestre do 2016. Estivemos no porto porque hai unha obra pendente, que xa ten consignación orzamentaria nos presupostos da Xunta de Galicia para este ano 2015 e que se vai levar a cabo despois do verán: é o dragado da dársena interior para o que hai cerca de 200.000 euros. Isto é un exemplo do compromiso da Xunta de Galicia e do seu presidente, que para nós sempre foi unha referencia”.
Castiñeira engadiu que “a boa xestión da Xunta de Galicia nos peores anos da crise foi o noso espello. O Concello de Foz viviu unha situación moi parecida á da Xunta: encontramos unhas contas completamente desequilibradas, con débedas cos bancos e cos provedores. Pero a día de hoxe temos todo saneado e o Concello de Foz é solvente. Ese espello ao que nos miramos, que foi a Xunta de Galicia, serviu de moito para todos os veciños de Foz”.
O candidato do PP á reelección como alcalde de Foz rematou cun mensaxe optimista: “agora este é un pobo con futuro, tal e como Feijoo puido percibir aquí; quedou encantado de como está Foz. E habémolo invitar, evidentemente, a sucesivos actos que haxa aquí. Ademais hai que celebrar que o concello de Foz ten 7 bandeiras azuis e segue sendo un referente turístico, como puido apreciar hoxe aquí, na praia da Rapadoira e no porto”.