Cervo e Burela, 22 de maio de 2015.- Candidatos e candidatas do BNG – ASEMBLEAS ABERTAS en Cervo e Burela, cos seus cabezas de lista á fronte, Ramón Luís Bernardo Insua e Mario Pillado Mon, compareceron este venres nun punto de unión dos concellos de Cervo e Burela – segregados en 1995 – para comprometer o inicio dun proceso de revisión do abastecemento conxunto de auga aos dous concellos incluído no Consorcio de abastecemento derivado do proceso de segregación aprobado en 1995 que inclúe un servizo neste momento privatizado.
A formación nacionalista lembra que a veciñanza de Burela e Cervo paga a auga mais cara do país. Os incumprimentos por parte do goberno da Xunta do Partido Popular para o dragado do encoro de Rúa que abastecería aos dous concellos por gravidade e así evitar custosos gastos de bombeo, non se fixo realidade a pesar de estar incluído no proxecto inicial. Amais, o servizo privatizado encareceu gravemente os recibos por consumo.
Desde o BNG- AA “aseguran que os gastos polo que ían ser compensacións pola segregación, págaos a veciñanza de ambos concellos”. so o servizo de auga supuxo subas de recibos do 210% en Burela, mentres no caso de Cervo, o incremento por gastos enerxéticos neste concepto subiron un 262% desde a posta en marcha do abastecemento en 2011 ate 2014, “Xa sexa directamente, vía taxas por abastecemento, ou indirectamente vía amortización da obra e xestión do servizo, a veciñanza de Burela e Cervo pagamos a auga mais cara do país”, afirmaron.
Desde o BNG –ASEMBLEAS ABERTAS de Cervo e Burela poñen en cuestión a actitude do PP, “hoxe impoñen a fusión de Oza-Cesuras por motivos partidistas e na década dos noventa segregan Cervo e Burela polo mesmo motivo”, no caso mariñao desprezando o que era e podería seguir sendo así de seguir unidos, o concello con maior potencial económico e poboacional da comarca.
Desde a organización nacionalista apostan por remunicipalizar servizos privatizados e mancomunar outros para reducir gastos e prestar un mellor servizo á poboación, mais barato e mais económico para a facenda dos dous concellos. Lembran neste punto, que ambos concellos seguen tendo que asumir a amortización da débeda da segregación do ano 1995, promovida e dirixida polo PP de ambas localidades.