O BNG-Asembleas Abertas xunto coa Federación Rural Galega (FRUGA) celebraron este xoves un acto público de presentación do “Manifesto en defensa do sector lácteo galego”.
Neste acto interviron Maite Ferreiro, candidata número 2 do BNG-Asembleas Abertas en Lugo; Cosme Pombo, deputado do BNG no Parlamento galego; Elías Somoza, representante da Federación Rural Galega (FRUGA) e a gandeira Concha Blanco (Friol).
Tal e como o explicaron por parte das organizacións convocantes “perante a grave situación na que se atopa o sector lácteo galego xorde esta proposta reivindicativa. Queremos que sexa o xermolo dun movemento amplo para a demanda de solucións inmediatas no sector, e non simplemente de boas palabras en época electoral. Queremos feitos, e non só anuncios.”
Todas e todos os intervintes coincidiron en resaltar que se trata “dun manifesto urxente” porque “o sector atópase nunha situación límite”. O deputado do BNG no Parlamento galego, Cosme Pombo, salientou que “urxe a organización e movilización das persoas que viven, directa ou indirectamente dun sector que é unha parte fundamental da economía de moitas comarcas lucenses”.
Cosme Pombo dixo que “é imprescindible forzar ao goberno de Feijóo a que cumpra coa súa responsabilidade, intervindo para apoiar ao sector lácteo galego. O goberno galego debe poñerse do lado das e dos gandeiros e non ignoralos como está a facer.”
Pola súa banda, Elías Somoza, representante de FRUGA, indicou que “cómpre crear unha plataforma en defensa do leite galego, na que estean representados todos os ámbitos implicados, desde os produtores ata a industria. Hai que deixar moi claro que o sector lácteo é un sector estratéxico da economía galega e precisa medidas esxcepcionais, como se ten feito con outros sectores.”
Para concluír o acto a gandeira Concha Blanco, de Friol, deu lectura ao manifesto en defensa do sector lácteo galego.