- Ás 13.56 horas deste xoves deuse por extinguido o incendio do concello de Xermade, parroquia de Roupar, que afectou finalmente unha superficie de 36 hectáreas, das cales 25 corresponden a monte raso e as 11 restantes a arborado
Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
- O Cupón Diario da ONCE deixou en Foz un premio de 35.000 euros, nun cupón agraciado con esta cantidade no sorteo do mércores 17 de xuño
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
- Este sábado, 20 de xuño, celebrarase na Biblioteca Maravilhas, na Escola de Arroxo-Lourenzá, a Festa da Pintura do XX Agasallo a Luís Seoane
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
- As Festas de San Xoán de Covas celebraranse do 23 ao 26 de xuño cun programa que inclúe a tradicional lumeirada, pasarrúas, misa e procesión, sesións vermú e verbenas coas orquestras Acordes, New York, Salsarena, Capitol e Trébol
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
- Guille, Sandra e Pita proclamáronse gañadores do VIII Mus na Praia, organizado pola asociación cultural LuMus o pasado sábado en Ribadeo
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
- A Presidenta da Deputación, Carmela López, asistiu en Burela ao partido do Mundial entre España e Cabo Verde na fan zone impulsada pola institución provincial, unha xornada que reuniu milleiros de persoas con concertos, arte e competicións deportivas, e que incluíu a retransmisión do encontro nunha pantalla xigante na Praza da Mariña
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
- O Concello de Cervo felicita a Santi González Villares, do club de tiro con arco Iadovi, pola consecución da medalla de prata no Campionato de España de Veteranos +50, celebrado esta fin de semana en Madrid
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.