Santiago de Compostela, 13 de Maio, 2015. O deputado do BNG, Daniel Rodas lamentou o voto do Partido popular que impediu que prosperara a Proposición non de lei nacionalista para restituír o Acordo Pesqueiro con Portugal que garantía que as flotas lusa e galega de arrastre “faenaran en condicións de igualdade”.
O deputado non aceptou unha emenda do Partido popular que propuña “continuar as xestión” porque, dixo, “vostedes xa levan ano e medio de xestións, e a día de hoxe, seguimos exactamente igual”.
Rodas explicou que na actualidade a flota galega de arrastre vese sometida a condicións de discriminación no descanso semanal e “mentres os nosos barcos saen a faenar, os barcos portugueses ocupan os nosos mercados, utilizan artes ilegais e cotas que prexudican á viabilidade da flota galega”.
Nestes últimos seis anos, explicou, solicitáronse máis de 700 embarcacións para despezamento, “107 desguazadas cun financiamento de máis de 90 millóns de euros e as tripulacións máis cualificadas vénse obrigadas a traballar na flota lusa ante as mellores condicións económicas e de posibilidades de pesca”. Para o deputado, a xestión do Goberno galego “escenificase nas 17 embarcacións lusas mercadas por armadores galegos, 11 con porto base en Muros, 3 en Marín, 2 en Burela e 1 e Ribeira, “como única posibilidade para seguir mantendo a actividade”.
O deputado criticou o desleixo do Goberno galego na defensa dun sector pesqueiro “abocado, día a día á expulsión da actividade e ao despezamento”, concluíu.