Santiago, 18 de xuño de 2015.- A Xunta de Galicia convocou este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) procesos selectivos para cubrir un total de 409 prazas na Administración galega. Destas, 82 prazas son de acceso libre e cubriranse por oposición, e as outras 327 prazas son para a promoción interna dos empregados públicos e cubriranse polo sistema de concurso-oposición.
Estes procesos selectivos permitirán reforzar distintos corpos de funcionarios da Administración xeral da Xunta. En concreto, 65 prazas serán para o corpo superior (subgrupo A1); 50 prazas para o corpo de xestión (A2); 100 prazas para o corpo administrativo (C1) e 194 prazas para o corpo auxiliar (C2).
As convocatorias publicadas hoxe no DOG reservan un total de 31 prazas para as persoas con discapacidade, das que 7 serán de acceso libre e as outras 24 prazas para promoción interna.
Ademais, todas as convocatorias inclúen as normas xerais, os requisitos que deberán posuír as persoas aspirantes e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos.
Tal como establecen as convocatorias publicadas hoxe no DOG, o prazo para a presentación de solicitudes estará aberto dende este venres e ata o vindeiro 8 de xullo, ambos os dous días incluídos.