Santiago de Compostela, 24 de Xuño 2015.- O BNG considera que o resultado da votación no Pleno da Deputación de Lugo confirma, “lamentablemente”, que tiña razón cando comunicou que o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, non era a persoa adecuada para presidir a institución, nun tempo en que a cidadanía esixe máxima exemplaridade dos cargos públicos.
“Non só era un candidato imputado senón que demostrou ser unha persoa capaz de antepoñer os seus intereses e ambición persoal aos da súa propia organización política e aos da propia institución provincial. É evidente, que o resultado do Plenario demostra que o señor Martínez non era a persoa acaida para presidir esa institución”, valorou a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartin, nunha comparecencia de urxencia ante os medios.
A formación nacionalista salienta que o sucedido en Lugo “é xusto o contrario do que defende o Bloque para as deputacións”, que deben estar nas antípodas “da loita polos cargos, do presidencialismo, das decisións unilaterais”, recalcou Sanmartín. Fronte a iso, “o BNG reafirmase no diálogo, na negociación e no consenso”.
“O modelo do Bloque Nacionalista Galego para as deputacións, – no camiño cara a súa desaparición-, é o da transparencia, a radicalización democrática no seu funcionamento, acadar entidades ao servizo dos concellos que, hoxe máis ca nunca, entendemos deben, -concellos e Xunta de Galiza-, asumir os recursos e as competencias destas institucións”, argumentou a secretaria de Política Municipal.
Para o BNG, resulta politicamente moi elocuente o feito de que o PP non teña remorsos en acceder á Presidencia da Deputación de Lugo “co apoio dunha persoa que non é da súa organización, persoa capaz de poñer o seu protagonismo político e as súas ambicións persoais por diante de calquera outra consideración”.
Neste sentido, o BNG valora moi positivamente a responsabilidade política do PSOE ao dar unha alternativa á Presidencia da Deputación de Lugo libre de calquera imputación, feito que permitiu o apoio do BNG na votación no plenario da institución, ao tempo que se confía na capacidade do Partido Socialista para reconducir a situación a través das canles e órganos políticos que corresponda.
Nese suposto, o Bloque reitera a súa “total disposición” a favorecer un goberno alternativo ao PP na Deputación de Lugo en canto sexa posible, cun programa coherente ao servizo dos intereses de todos os concellos da provincia.
En todo caso, o BNG considera que é necesario retomar as negociacións para seguir avanzando no programa político e no modelo de deputacións para o futuro e insta ao PSOE. “Emprazamos ao Partido Socialista a reanudar ese proceso de negociacións o máis axiña posible, para poñernos a traballar de xeito inmediato a poder ser mañá mesmo, sentarse para consensuar un programa alternativo, no que o BNG confía e polo que traballará todo o que sexa necesario”, concluíu Sanmartín.


















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.



