Burela, 22 de xuño de 2015. A Concellería de Servizos Sociais en colaboración coa asociación Mulleres en Igualdade “tras o peche dos comedores escolares no verán e para suplir as carencias dalgunhas familias ofreceremos un servizo diario para que os nenos e nenas maiores de 3 anos poidan tomar o almorzo ás 10.30 horas da mañá, de luns a xoves, nos locais deste colectivo”.
A edil de Servizos Sociais, Patricia Otero, sinala que “o que o Concello lle facilitará a Mulleres en Igualdade será o material preciso para que elas poidan darlles o almorzo aos nenos e nenas, que por uns motivos ou outros xa son usuarios dos Servizos Sociais municipais. Queremos cubrir as necesidades básicas de alimentación, tras o peche dos comedores escolares no verán, ofrecéndolles a primeira comida do día”.
A concelleira socialista engade que “para acceder a este servizo utilizaremos os listados que obran no noso poder coas familias beneficiarias dos Servizos Sociais municipais. Este programa dará comezo este martes, 23 de xuño, e prolongarase ata finais de agosto”.