Cervo, 10 de xullo de 2015.- Maquinaria e operarios da Deputación están acondicionando a estrada provincial de Riocobo a San Cibrao. Estes traballos foron supervisados este venres polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e polo concelleiro delegado de Obras, Plácido Pérez, e o rexedor municipal destacou que esta actuación é un paso positivo para os veciños de Cervo, que se produciu grazas ao cambio de goberno na Deputación.
Alfonso Villares explicou que “desde onte estanse a facer traballos de limpeza da estrada que vai de Riocobo á San Ciprián, que é titularidade da Deputación Provincial. E neste caso eu teño que agradecerlle á Deputación de Lugo e á súa nova presidenta, en concreto, a súa moi boa disposición dun día para outro, polo feito de que nosoutros lles pedíramos encarecidamente que se acondicionara e limpara está vía, que é a principal entrada ao núcleo máis grande do noso concello, San Ciprián, tendo en conta tamén que nesta próxima semana presentaranse as festas patronais desta localidade, as do Carme. E desde onte estamos vendo a maquinaria e persoal da Deputación Provincial de Lugo, aos que nosoutros estamos apoiando con traballadores, para acondicionar esta vía, que é a principal entrada a San Ciprián, e tamén outras estradas que necesitaban unha limpeza urxente”.
O alcalde destacou que “este é un paso positivo para os intereses dos veciños de Cervo, despois de moito tempo no que había unhas diferenzas que por parte do Concello nunca entendemos polas decisións da Deputación Provincial contra os intereses dos veciños de Cervo. Pero agora vemos que, co cambio que se produciu na Deputación, hai aires novos, de colaboración e de beneficio, sen dúbida ningunha, para todos os veciños e veciñas do concello de Cervo; un trato que eu creo que nunca se debera ter perdido, pero grazas a Deus agora recuperouse”.