O xoves 20 de agosto tivo lugar na Ponte Vella de Frexulfe (O Valadouro) a primeira Ponte Literaria, unha experiencia artellada por veciños do Valadouro vinculados á literatura.
Consistiu o acto nunha lectura ao ar libre de fragmentos de creación propia, cun auditorio reducido e formado por activistas culturais e persoas comprometidas coas artes en xeral.
O feito de denominar a estas actividades pontes literarias xurdiu ao descubrir a fermosa contorna do espazo de lecer recén creado na Ponte Vella de Frexulfe: un pequeno merendeiro con mesas de pedra a carón do río.
Os iniciadores pensaron que aquel era o lugar ideal para desenvolver un evento literario; no espazo entre a ponte vella (de pedra) e a ponte actual (de formigón), coa musicalidade da auga como fondo sonoro.
Manuel Lourenzo (leu un texto dramático), Lionel Rexes (leu relatos breves) e Isaac Ferreira (leu varios contos extraídos de Contos do Valadouro) leron textos durante o tempo estipulado para cada unha dos relatores, 15 minutos como máximo. Tras as lecturas, o público convidado mantivo un coloquio acerca do contido dos textos lidos polos propios autores.
Esta primeira experiencia supuxo unha proba piloto para avaliar as feblezas e fortalezas desta actividade literaria. Durante esta semana e até a celebración da segunda “Ponte Literaria”, a comisión organizadora avaliará o resultado para introducir as mudanzas precisas.
O vindeiro xoves 27 terá lugar a segunda “Ponte Literaria” no mesmo lugar, desta volta o lector será Xesús Pisón, dramaturgo nado en Ferreira e residente na Coruña que forma parte da organización da “Ponte Literaria”. A partires das 18.00 horas, lerá textos da súa autoría na Ponte Vella de Frexulfe.
Foto: De esquerda a dereita Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira (coautores da obra Contos do Valadouro, inspirada na literatura oral local).