Burela, 18 de agosto de 2015.- O Concello de Burela vai rehabilitar a área recreativa do Cantiño e ten previsto substituír, entre outras accións, as grellas para o asado de carne e de peixe desgastadas e o alumeado da zona, frecuentada polos veciños especialmente as fins de semana. Así o anunciou Alfredo Llano, o alcalde, que pretender darlle unha nova vida a un espazo que se foi deteriorando nos últimos anos.
O rexedor lembrou que “xa hai pensado facer melloras substanciais en moitos paseos, como paseo de Burela á Marosa, e no de Burela ao Cantiño. Falando deste último, hai unha zona recreativa na que existen unhas construcións que imitan moi ben o que é un castro. Estaba dotada de grellas para facer churrascadas e cociña de saída dos domingos para grupos de xente, de familias, de amigos, que quixeran ir por alí. É unha zona que prestaba un servizo extraordinario e debe seguir prestándoo, polo que imos facer unha petición para facer a reposición de grellas, que se foron deteriorando co tempo polo seu uso. Imos poñer luces, que agora mesmo non funcionan ou fano mal. Imos darlle unha nova oportunidade de servizo a esa zona”.
Llano espera poder levar a cabo o proxecto nun espazo de tempo curto: “o Concello está estudando canto custaría acometer as obras. Creo que non se vai tardar moito en facer, onte xa estivemos facendo medicións e estudos de canto pode valer e estamos pendentes dun orzamento para saber cando pode custar facer unha recuperación integral desa zona. A nosa intención é recuperar a zona do paseo do Cantiño. Por Costas eu creo que non vai haber problema para levar adiante este proxecto”.