Foz, 23 de setembro de 2015.- A próxima sesión plenaria da Corporación Municipal de Foz debaterá unha moción do Bloque Nacionalista Galego coa que se pretende axilizar a entrada en funcionamento da nova residencia, garantir o carácter público da súa xestión e defender o emprego dos traballadores e das traballadoras do Asilo mediante a súa subrogación no novo centro residencial. A proposta dos nacionalistas ten a ver co próximo remate das obras do centro residencial, que xustifica que os poderes públicos tomen as decisións debidas a fin de evitar máis retrasos na posta en funcionamento do servizo e tamén de posibilitar que este sexa da máxima calidade, algo que está reñido coa improvisación e coas decisións de última hora.
A iniciativa, asinada polas concelleiras nacionalistas Lorena Seivane e Teresa Rego, demanda en primeiro lugar que a administración competente proceda a habilitar o crédito suficiente nos seus orzamentos para facer fronte aos custes de dotación do centro residencial. “A nova residencia de Foz acumula atraso de anos, pénsese que o acordo da Xunta para iniciar as obras é de 2008, polo que os veciños e as veciñas deste Concello non poden agardar máis pola dotación. É urxente logo a entrada en funcionamento da residencia dada a demanda de prazas de residencia e de centro de día que existe e que non pode ser cuberta e tamén pola propia situación na que se atopa o Asilo, limitado pola falta de medios materiais e pola imposibilidade de acoller máis residentes”, indicaron Lorena Seivane e Teresa Rego.
A moción do BNG busca un acordo do Pleno da Corporación para garantir a xestión pública da residencia e do centro de día como requisito previo para unha atención de calidade dos nosos maiores e dun servizo universal que non exclúa a ninguén en función de criterios de renda. “A xestión pública e a calidade do servizo son dúas caras da mesma moeda. Privatizar implica necesariamente retraer unha parte do diñeiro destinado á prestación dun servizo para o lucro económico da entidade concesionaria. Non é tolerábel, agás que demos por bo converter os nosos maiores nun negocio e carecésemos da máis mínima sensibilidade social, que a xestión do centro sexa privada. Defendemos entón a xestión pública porque queremos o mellor servizo, a mellor atención e as mellores prestacións para os nosos maiores”, recalcaron as concelleiras nacionalistas.
A proposta das nacionalistas tamén anticipa a problemática na que se poden atopar os traballadores e as traballadoras do Asilo de Foz unha vez feche o mesmo e entre en funcionamento o novo centro residencial e de día. Nese sentido Lorena Seivane e Teresa Rego solicitan a subrogación destes no novo centro “posto que estamos falando de mulleres e homes dunha profesionalidade probada na atención a maiores, persoas con experiencia nestas tarefas e que a máis teñen un trato de familiaridade cos residentes no Asilo, a maioría dos cales pasarán a residir na nova residencia. Segundo os especialistas os cambios entre os coidadores dos maiores son negativos, pero tamén prescindir das traballadores do antigo Asilo xeraría un forte impacto na economía de moitas familias focegas que teñen no seu traballo no Asilo a súa fonte de ingresos”, conclúen desde o BNG.
















Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



