Lugo, 23 de setembro de 2015.- A Presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Marta Capeáns, acompañada do Xerente, Víctor González, veñen de ter unha xuntanza coa responsable de Benestar da Deputación de Lugo, Mari Teijeiro, co obxectivo de abrir unha canle de diálogo, “fluída e estable” entre a institución e o Colexio para “desenvolver proxectos conxuntos co obxectivo de mellorar a situación do servizos sociais, dos e das profesionais e das persoas usuarias”. Durante a mesma, houbo un intercambio de impresións a respecto da situación de deterioro dos servizos sociais, onde o COTSG fixo entrega dun documento onde se recollen medidas de mellora e posibles vías de colaboración no ámbito do asesoramento, xornadas ou cursos.
Capeáns trasladoulle á representante da Deputación, tamén traballadora social e que tivo unha actitude “aberta, colaborativa e moi social”, as inquedanzas da profesión e un pequeno dossier onde se recolle “a análise actual de situación, propostas de mellora para a Deputación de Lugo e unha proposta de colaboración co COTSG”, indica a Presidenta do Colexio. Entre as propostas no ámbito da formación para traballadores e traballadoras sociais, lembrou Capeáns, está todo o referente ao Informe Social Unificado, ligado a unha Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, aínda sen desenvolver por decreto a pesar de que a Xunta se comprometera a telo en xuño deste mesmo ano, e sendo un documento “cando menos” complicado e no que se precisaría “unha plataforma telemática aínda sen desenvolver, tarefa pendente por parte de Amtega”.
Pola súa banda, a Deputada de Benestar mostrouse aberta a estudar e poder levar a cabo algunha das propostas que lle foron trasladadas polos responsables do Colexio de Traballo Social. Teijeiro indica que algunha destas ideas son a reedición da Xornada Muller e Mercado Laboral, a participación en Proxectos Europeos e a necesidade de dar formación a profesionais no eido dos servizos sociais. No documento, o COTSG lembra cales son os puntos esenciais que deberían ter as futuras políticas xerais en materia de servizos sociais, cun sistema “que amosou a súa eficacia dende os anos 80 pero que agora é necesario ampliar a súa cobertura para satisfacer as novas e crecentes necesidades, en Galicia ou no Estado, a crise do modelo é xeral”.Esta xuntanza enmárcase na rolda de reunións coas diferentes institucións para dar traslado das medidas que o COTSG entende fundamentais para reordenar e mellorar unha sistema a día de hoxe, “con moitísimos signos de debilidade”. Xa se mantiveron reunións con Ferrol, Coruña, Santiago ou Narón e, indica Capeáns, “seguiremos tentando concienciar e sensibilizar aos cargos públicos para que poñan en marcha medidas de apoio social para a cidadanía, especialmente para aqueles colectivos que se atopan en situacións de emerxencia ou vulnerabilidade”