Ribadeo, 16 de outubro de 2015.- A comisión pro residencia de maiores ven de dirixirlle unha carta ao novo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, na que lle pide (entre outras cousas) que declare de forma contundente e urxente se a Xunta lle concede ou non a achega económica prometida de 500.000 euros a esta infraestrutura, que se atopa en fase de construción. O escrito está firmado polos representantes das asociacións de veciños, polo BNG, polo PSOE, por Ciudadanos e polo alcalde e a concelleira de Benestar. Por primeira vez a comisión non conta co apoio do PP, que non quixo asinar esta carta.
O rexedor declarou que “é sumamente importante o documento que acabamos de asinar entre case todos e tamén é revelador e ten novidades. En definitiva o que pretende a comisión, que levamos tempo traballando por unha residencia que se está facendo realidade día a día e todo o mundo pode ver como vai avanzada, pero o certo é que a cantidade de diñeiro que a Deputación se comprometeu a dar e que nos está achegando, cumprindo o convenio, está chegando ao seu remate. É dicir, dentro de pouco, dado que falta o diñeiro que a Xunta quedou en poñer, eses 500.000 euros, que non son nada comparado cos 2 millóns e medio que vai custar a residencia, pero como a Xunta a día de hoxe non os puxo enriba da mesa é o motivo polo que a comisión, conformada por tódolos partidos políticos, xuntámonos cos representantes das asociacións de veciños para facer exactamente o mesmo que viñemos facendo nestes últimos catro anos anteriores para lograr entre todos un soño colectivo”. Suárez Barcia explicou que “a realidade é que lle queremos dicir á Xunta que nos diga, dunha vez por todas, se está disposta a poñer ese diñeiro ou non, porque se nos di que si será perfecto e cumprirá o que dixo e se nos di que non desde o Concello teremos que tomar medidas: ou ben asumilo con fondos propios do Concello de Ribadeo ou chamar a outras portas, se é necesario, pero sabendo que a competencia en materia de servizos sociais recae case absolutamente na Xunta de Galicia”.
O alcalde subliñou que “a novidade agora, aparte de mandarlles a carta asinada por case todos, é que por primeira vez na historia desta cuestión da residencia non asinamos todos, porque si o fixemos os representantes do goberno municipal, os das asociacións de veciños, o do PSOE en Ribadeo, a de Ciudadanos na Corporación ribadense, pero agora o Partido Popular non asina esta carta porque di que non é adecuado, e os seus motivos terá. Pero todos nós (o Bloque, o PSOE, Ciudadanos) temos diferenzas e discrepancias entre nós, tamén co PP, pero no mandato anterior había cuestións cruciais nas que poñiamos os intereses de Ribadeo por riba dos intereses partidarios. E agora, lamentablemente, vemos como hai xente que está máis ao que di o partido que ao que din os veciños, pero que non se esquezan que os veciños son os que poñen os partidos; e polo tanto esta é unha carreira, que con máis ou menos fondo, a residencia haberémola acabar, cos recursos da Xunta ou sen eles. Pero tamén deben saber os cidadáns os que deixamos as diferenzas políticas a un lado e nos poñemos de acordo e os que non o fan”.
Fernando Suárez Barcia concluíu as súas declaracións manifestando que “con todo, aínda que vaia sen a firma do representante do Partido Popular de Ribadeo, esperamos que o novo conselleiro, de quen din que é unha persoa afable no trato e seguramente sensibilizada pola circunstancia de que Ribadeo non vai ter un céntimo de financiamento autonómico para a residencia, quizais cambie de opinión, deixando en evidencia aos seus compañeiros do Partido Popular de Ribadeo. En todo caso andaremos e veremos”.





















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



