Cervo, 30 de outubro de 2015.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, é dende este venres vicepresidente primeiro da Federación de Municipios de Provincias (Fegamp), que celebra a súa novena asemblea en Santiago de Compostela, e dende alí fai unha chamada ao entendemento e á busca de puntos de encontro entre os representantes públicos para o ben dos veciños.
“Hoxe estamos en Santiago os representantes dos concellos de Galicia celebrando a novena asemblea da Federación Galega de Municipios e Provincias. É unha federación na que estiven, como alcalde de Cervo, sendo ata hoxe vicepresidente executivo. É unha asemblea na se fala é da labor conxunta que estamos a facer todos os representes públicos dos municipios, independentemente da ideoloxía de cada un de nós. Ao fin e ao cabo o que máis importa, e creo que ademais foi o que caracterizou estes últimos catro anos, é a unidade de acción, a unidade de todos os municipios á hora de intentar buscar puntos de encontro. Sempre os hai, á marxe das diferenzas que todos podemos ter e que é moi natural que as haxa, pero sempre hai un punto de unión. Creo que iso é o que temos que buscar e foi o que fixemos durante estes catro anos: traballar nese punto de unión para buscar maiores cotas de benestar para os nosos veciños, para a nosa xente, para quen representamos, porque somos a administración máis próxima aos cidadáns”, defendeu Villares.
“Sen esquecernos de que, sexa da administración autonómica ou estatal, todos somos representantes públicos e estamos a xestionar ese diñeiro público; polo tanto co resto das administracións temos ese traballo en común para levar adiante”, apoiou o alcalde de Cervo. “Dentro do municipalismo intentamos que ese traballo que facemos nós, como persoas máis próximas aos veciños e á nosa xente, dea lugar a mellores cotas de servizo”, asegurou.
Villares valorou tamén o seus últimos catro anos como vicepresidente executivo da Federación e a nova etapa que agora comeza como vicepresidente primeiro. “Eu estou satisfeito por ese labor que se fixo durante estes catro anos, un labor no que ademais me honrou ter a representación por parte do Partido Popular dentro de todo o municipalismo galego, ao mesmo tempo de ser veciño de Cervo e da Mariña de Lugo. Tamén me honra, como non, ser vicepresidente primeiro da Fegamp para estes próximos catro anos. Volve ser unha honra para min que dende o partido se tivera en conta a miña persoa, dentro de todos os compañeiros e alcaldes do Partido Popular de Galicia. Quedan catro anos máis para traballar, para seguir facendo o posible para que os nosos concellos sigan tendo esa vida dentro desa idiosincrasia que teñen os municipios galegos dentro dos municipios españois. Temos que facer ese traballo para reivindicar o noso xeito de vivir e todos eses servizos que non queremos perder, nin moito menos, senón que queremos conservalos e, se pode ser, aumentalos. Catro anos de traballo para os que me brindo a todos os municipios e, sobre todo, aos máis próximos, a toda a Mariña lucense por ser o seu representante dentro desta federación”.