Burela, 30 de outubro de 2015.- Camiño Norte, Feitizo da Natureza, a través do que Fundación Imdecum promoverá o Camiño de Santiago de Compostela e o turismo en familia na bisbarra, recibiu solicitudes dende Cantabria e Asturias, ademais de Galicia. A iniciativa, que conta co apoio da Mancomunidade da Mariña Lucense ademais da colaboración da Asociación de Amigos do Camiño Norte e estaba prevista para esta fin de semana, trasladará a peregrinaxe pola ruta xacobea da Mariña aos días 13, 14 e 15, ante a demanda das familias interesadas en participar.
O proxecto ofrece a posibilidade de imbuírse da beleza paisaxística, cultural e artística da comarca, unha riqueza accesible para calquera visitante en calquera época do ano, percorrendo as etapas de Ribadeo-Lourenzá e Lourenzá-Abadín, xunto á variante marítima facendo parada obrigada na praia das Catedrais e na basílica de San Martiño de Mondoñedo, ademais da ruta que une Abres con Lourenzá a través de Trabada.
A actividade é totalmente gratuíta e aínda dispón de prazas libres. Ata o venres 9 de novembro, as familias interesadas en descubrir a maxia do Camiño Norte poden formalizar a súa solicitude para participar na actividade na sede da Fundación Imdecum (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo, Burela) ou a través de contacto@imdecum.com. Entre os solicitantes terán prioridade familias numerosas, monoparentais ou con algún membro con discapacidade.