Ribadeo, 29 de outubro de 2015.- O alcalde, Fernando Suárez, reitera e subliña que con axuda da Xunta ou sen ela a residencia de maiores será unha realidade. O rexedor acusa ao PP de facer política partidaria da mala con este asunto e asegura que os técnicos xurídicos do Concello din que o que a Xunta lles solicita é irregular e anormal e que non se precisa para conceder unha axuda de 500.000 euros. Así sae ao paso das críticas vertidas esta mañá en Ribadeo por representantes do PP.
O rexedor dixo: “a ese documento que asinamos case todos: os representantes da corporación do Bloque, do PSOE, de Ciudadanos e os das asociacións de veciños, que nos diriximos ao conselleiro de Política Social para que dixera se apoiaba ou non, dunha vez por todas, o tema da residencia, agora vemos que quen nos contesta non é o conselleiro nin é ningún responsable institucional da Xunta de Galicia, senón que quen contesta é un representante político, do PP, nun local político, do PP de Ribadeo. E, desde logo, non por esperada esta contestación deixa de sorprendernos”.
Para Fernando Suárez os populares “acoden á mesma letanía de sempre, que o alcalde non presenta os documentos, e quen o di é precisamente un indocumentado que non ten nin a máis remota idea do que está dicindo, que non é consciente de que os técnicos xurídicos do Concello de Ribadeo non están postos nin polo Bloque nin por ningún outro partido. Son técnicos que se deben á súa profesión e din que o que nos está pedindo a Xunta é absolutamente anormal e irregular e non entra dentro do procedemento para o outorgamento desta axuda. É dicir, que o que lle vale á Deputación para darnos practicamente 2 millóns de euros non lle vale á Xunta para darnos eses pírricos 500.000 euros, que de todas maneiras son importantes porque se a Xunta non os pon témolos que acabar poñendo desde o Concello de Ribadeo, cando non temos a competencia en servizos sociais”. O alcalde sinalou que “en Ribadeo queremos todos, non soamente o alcalde senón tamén o resto de grupos, que ata agora eran todos, porque hai que lembrar que no mandato anterior o PP local, a través dos seus representantes institucionais no Concello, tamén estaba de acordo con todo o que se propoñía entre todos, pero lamentablemente agora, nesta nova etapa, estes representantes institucionais do PP de Ribadeo no Concello falan máis do que escoitan; é dicir, falan moito e escoitan pouco”.
Suárez Barcia considera que “aquí o que queda claro a ollos de toda a cidadanía é que o PP está a facer política partidaria da mala, da cocha, da que a xente abomina, e quen estamos, salvando as diferenzas e as discrepancias, como o Bloque, o PSOE, Ciudadanos e os representantes das asociacións de veciños, traballando a unha para buscar o mellor para que a residencia se constrúa e funcione. E, desde logo, non me amolan a min, como alcalde, nin ao PSOE nin a Ciudadanos nin aos cargos institucionais do PP no pasado mandato; estanlle facendo unha afronta a toda a veciñanza deste concello, aos veciños e veciñas que ven e que reproban esta política ruín que están facendo con nós”.
O alcalde de Ribadeo reitera e subliña que “en todo caso mellor coa Xunta, pero se é sen ela, aínda que teñamos que sacalo de fondos propios e de onde faga falla, a residencia vaise acabar, vaise poñer a andar, mal que lles pese, e será para os veciños e veciñas de Ribadeo, con concurso deles ou sen el, pero a residencia será unha realidade”.




















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



