Burela, 16 de outubro de 2015.- O presente curso da Escola Municipal de Burela botou a andar este 15 de outubro con total normalidade e cunha matrícula de 110 alumnos. O seu director, Xan Carballal, destaca a boa aceptación da principal novidade académica deste ano, a disciplina de guitarra, coas prazas cubertas e lista de agarda. Dez son os profesores que traballan no centro.
Carballal sinalou que “coa normalidade prevista deu comezo o curso o 15 de outubro, tal e como se indicou aos usuarios hai unha semana, que ía dar comezo unha vez rematadas as probas de selección do profesorado, o que marca a lei. Nós queremos empezar sempre canto antes e comezou onte, rematará cara finais de xuño”. O remate do curso atrasarase un pouco para compensar o pequeno retraso do inicio, tal e como se fixo noutras ocasións nas que aconteceu o mesmo que neste 2015/2016.
Carballal dixo que “a matrícula incrementouse un pouco, está agora mesmo sobre 110 alumnos e a verdade é que unha boa cifra, porque hai que darse conta, fronte ao que pode pensar algún, do que é a capacidade real da Escola. Como novidade, temos a incorporación dunha nova especialidade, a de guitarra, que era demandada dende había tempo pola cidadanía, e a verdade é que vimos que estaba facendo moita falta. Con dicir que xa temos dende o primeiro día lista de espera…Cubríronse todas as prazas e hai lista de espera, para darnos conta de que era altamente demandada”.
Sobre as críticas xurdidas polo retraso do inicio do curso, o director da Escola de Música asegura estar “algo sorprendido, porque houbo outras ocasións nas que se comezou antes e outras nas que se empezou máis tarde, tampouco é unha novidade. O noso interese como profesores, e o meu como director, é comezar o máis axiña posible, pero sempre xorden cousas e hai un proceso de selección que leva o seu tempo e que hai que respectar, loxicamente”. E engadiu que “o mes de setembro sempre o aproveitamos para facer a programación e creo que este ano se aproveitou bastante ben, estou moi orgulloso, moi contento, cos profesores porque fixeron un bo traballo na súa programación e a min como director, loxicamente, o que me importa é a calidade no ensino. Que comece antes ou despois… Sempre tivemos informados aos usuarios das vicisitudes e pedimos desculpas porque entendemos cando algún usuario fai algunha queixa, queren organizar mellor a vida dos seus fillos ou a súa propia, prefiren ter canto antes os horarios xa rematados, pero como lles dixen nalgunha ocasión mentres non tiveramos incorporado todo o profesorado tampouco se podía dar por definitiva esa anticipación de horarios que se fixo hai meses, porque sempre está suxeita a cambios, pero iso é todos os anos”.