16 de outubro de 2015.- O Servizo Galego de Saúde ven de dotar ao Hospital da Costa dun segundo equipo de profesionais para ampliar a súa Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO), o que permitirá duplicar a súa capacidade asistencial. Este segundo equipo de profesionais de HADO, formado por un médico e dous Diplomados Universitarios de Enfermaría, comenzará a traballar este luns.
O departamento sanitario da Xunta de Galicia decidiu duplicar a capacidade asistencial da Unidade de Hospitalización a Domicilio, poñendo en marcha este luns unha segunda unidade. Deste xeito, refórzase un dos compromisos do Servizo Galego de Saúde, potenciar a capacidade resolutiva dos hospitais comarcais, e polo tanto, a atención sanitaria máis cercana aos cidadáns.
Os dous equipos de HADO do Hospital da Costa repartiranse a atención dos catorce concellos que forman a área sanitaria norte da provincia, mellorando así a calidade asistencial. O Sergas tamén dotou a esta segunda unidade dun vehículo para o desprazamento do persoal sanitario ao domicilio dos pacientes. Ademais estará equipada con todo o material necesario para que o enfermo dispoña na súa casa dos mesmos coidados que se estivese ingresado no centro hospitalario.
Ao igual que a primeira unidade de HADO, esta segunda Unidade de Hospitalización a Domicilio terá un horario de atención a domicilio de 8 da mañá a 3 da tarde; e entre esa hora e as 8 da tarde en atención telefónica e visitas de enfermería. A Unidade de Hospitalización a Domicilio conta, ademais, con locais propios dentro do Hospital da Costa, onde se reúnen os profesionais e preparan todo o necesario para o inicio da xornada laboral.
Coa posta en marcha deste segundo equipo de HADO para a área sanitaria do norte da provincia, o Servizo Galego de Saúde busca achegar o maior número de prestacións posibles aos cidadáns e é, un exemplo máis, da determinación da Xunta de Galicia de potenciar o Hospital da Costa, ofertando máis competencias asistenciais e garantindo, desta forma, a súa proxección de futuro, algo que se verá aínda máis reforzado coa próxima ampliación do Hospital da Costa.
A hospitalización a domicilio é unha alternativa asistencial que se mostra como unha das
tendencias actuais da atención especializada. Con ela preténdese evitar ao enfermo a estadía nun lugar alleo ao seu contorno habitual, prestando ao paciente no seu domicilio a atención médica e de enfermería que o seu proceso requira, do mesmo xeito e coa mesma calidade que a que recibiría de permanecer no hospital, pero sen necesidade de ter que estar ingresado máis tempo do necesario.
Alto nivel de satisfacción
Os pacientes reciben periodicamente a visita do médico e do persoal de enfermería, e, no caso de que xurdira algunha complicación, poden poñerse en contacto en calquera momento coa unidade. A adaptación do paciente é moi rápida e o grao de satisfacción do enfermo e da súa familia é moi alto.
Desde a data de apertura da primeira unidade de HADO ata o de agora, os profesionais realizaron máis de 9.500 atencións domiciliarias, percorrendo arredor de 55.000 kilómetros, unha media de 125 diarios.
O persoal destas unidades pode realizar técnicas e tratamentos diversos, como electrocardiogramas, osixenoterapia, aplicación de soro ou realización de analíticas, entre outras. Ademais, pode solicitar ao hospital de referencia todas aquelas probas que consideren oportunas (radiografías, TACs, ecografías…). Polo tanto, este tipo de unidades dispoñen das técnicas diagnósticas e terapéuticas necesarias e garanten o acceso a toda a carteira de servizos do hospital, en igualdade de condicións que os pacientes ingresados en hospitalización convencional.
As Unidades de Hospitalización a Domicilio benefician, fundamentalmente, a aquelas persoas que padecen patoloxías crónicas, como as enfermidades pulmonares obstrutivas crónicas (EPOC), enfermidades cardiovasculares e hepáticas crónicas, entre outras, xa que son patoloxías que presentan frecuentes episodios de reagudización e que, polo tanto, provocan continuos ingresos hospitalarios.
Con esta ampliación, a Unidade de Hospitalización a Domicilio está en condicións de avanzar na coordinación coa Unidade de Paliativos, para garantir unha asistencia global a un maior número de pacientes, pois este tipo de dispositivos asistenciais teñen un importante papel nos coidados paliativos dos pacientes con enfermidade avanzada.
Procesos post cirúrxicos
Este dispositivos asistenciais tamén son moi requiridos para a atención de procesos post cirúrxicos (cesáreas, mastectomías, apendicectomías, cirurxías de próteses de xeonllo e cadeira, cirurxías vasculares…), así como para a atención de pacientes que se atopan nos últimos días de ingreso e que poden ser trasladados ao domicilio para continuar alí coa asistencia médica e de enfermería, sen mermar a calidade asistencial.
A atención a domicilio establece unha serie de requisitos para escoller aos pacientes que poden acceder a ela, como ter un diagnóstico, unha situación estable… Os equipos médicos que traballan na Unidade de Hospitalización a Domicilio, a petición do especialista correspondente, valoran o estado clínico e as necesidades asistenciais do enfermo, así como as súas circunstancias familiares, sociais… antes de decidir se é apto para ser atendido na súa casa. Ademais, por suposto, esta decisión adóptase sempre co consentimento e tendo en conta a opinión do propio paciente e da familia, xa que este tipo de atención ofértase como unha opción asistencial máis.
Entre as vantaxes de HADO figuran o feito de que permiten diminuír a morbilidade inherente ao ingreso hospitalario (menos infeccións, menor incidencia de episodios de desorientación no ancián…) e reducen as recaídas e as descompensacións agudas de determinadas patoloxías, ao tempo que ofrecen unha atención máis humana e cercana mentras o paciente goza de maior intimidade e confortabilidade no seu domicilio.




















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



