Ribadeo, 13 de outubro de 2015.- A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga) continúa coas visitas programadas nos intercambios europeos con centros educativos da República Checa, en virtude do cal un grupo de nove directores docentes checos coñece na Mariña experiencias de institutos e empresas.
Este martes a xornada comezou ás 8:30 horas coa visita ao IES María Sarmiento de Viveiro e ás 11 horas ao IES Perdouro de Burela. Ás 13 horas os profesores checos, acompañados dos membros de Apaga, visitaron o IES de Foz. A comida realizouse no restaurante do FP de Hostalaría.
Pola tarde, as visitas programadas son ao IES Gamallo Fierros de Ribadeo, ás 17 horas; á Escola de Idiomas de Ribadeo, prevista para as 18 horas, e á Escola Agraria Pedro Murias, ás 19 horas.
Ás 21 horas os docentes visitantes participarán nun percorrido polo casco antigo de Ribadeo.
A xornada deste mércores inclúe unha visita ás 10 horas da mañá á Arcelormittal, en Avilés, cara onde está prevista a saída ás 7:30 horas. Ao mediodía, o grupo coñecerá o centro integrado de formación profesional Avilés. Ás 18 horas, xa de volta en Galicia, os docentes gozarán dun paseo en barca pola ría de Ribadeo para, a partir das 21 horas, despedirse da Mariña cunha cea no Hotel O Cabazo.
Esta é a primeira vez que Apaga é socio de acollida nun proxecto europeo, aínda que si participou como visitante en centros de ensino e empresas de Alemaña, Italia e República Checa.