Burela, 17 de novembro de 2015.- Comezaron os traballos de substitución das luminarias do paseo marítimo de A Marosa, segundo deu a coñecer o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey.
Son en total preto de 300 as vellas luces que se van cambiar por outras de tecnoloxía LED “o que nos permitirá gañar en luminosidade en toda esa zona e o que é máis importante, unha grande aforro de enerxía e de gasto en consumo eléctrico”, dixo o edil socialista.
Os traballos realízanse tras as xuntanzas mantidas hai unhas semanas entre o Concello e Costas. Ramiro Fernández pide desculpas “polas molestias que se poidan ocasionar estes días, porque haberá momentos nos que algún treito do paseo estea apagado. Agardamos que non sexan moitos os días os que se dea esta situación. Si todo vai ben todas as novas luminarias estarán colocadas a finais desta semana”.
Fernández Rey lembrou que “o alumeado do paseo púxose a funcionar desde que nós chegamos ao goberno municipal, posto que anteriormente estaba apagado, o que demostra a deixadez que había no anterior equipo de goberno”.
O edil de Obras engadiu que “tamén estes días deron comezo as tarefas de pintado das barandillas da praia urbana, que se atopaban moi deterioradas. Tamén foi un traballo acordado entre Costas e o Concello de Burela”.