Santiago, 3 de novembro de 2015.- A Consellería do Medio Rural xestionará en 2016 un total de 503.522.539 euros, un 4,56% máis que no ano 2015 e por riba da media do incremento do orzamento xeral da Xunta. Este aumento suporá que haberá case 22 millóns de euros máis para destinar ao agro galego, segundo destacou a conselleira Ángeles Vázquez na súa comparecencia desta mañá na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento.
A titular de Medio Rural salientou, dentro deste orzamento, o investimento produtivo no monte, que se duplica ao pasar de case 25 millóns de euros en 2015 a preto de 51 para 2016. O seu obxectivo principal é a posta en valor dos montes mediante unha serie de medidas, entre elas o fomento das producións alternativas (caso do aproveitamento enerxético da biomasa), da produción de castañas, cogomelos e outros froitos do monte, así como a creación de áreas silvopastorís.
Ángeles Vázquez dixo tamén que se triplican os recursos para o establecemento de sociedades de fomento forestal (SOFOR), co fin de poñer en valor a propiedade do monte e tendo en conta o interese crecente nos titulares dos terreos forestais por esta figura. Ademais, indicou que se duplica o apoio ás empresas do sector forestal.
En relación coa innovación e a investigación, a conselleira sinalou que no primeiro caso o orzamento medra nun 17,32% e no segundo un 2,16%, reforzándose o papel do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal).
Sector lácteo
A titular de Medio Rural centrou boa parte da súa intervención no sector lácteo, que cualificou como unha das prioridades da Xunta. Neste sentido, dixo que o recente acordo asinado por toda a cadea de valor do produto ten a consideración de “histórico”, porque é a primeira vez que se subscribe un acordo destas características entre todos os axentes implicados.
Ángeles Vázquez explicou que no orzamento está incluída unha dotación de 600.000 euros de fondos propios para cofinanciar a Orde de axudas ao financiamento de circulante e reestruturación de débeda das explotacións leiteiras.
Neste contexto, a conselleira informou do mantemento dos investimentos nos eidos da sanidade animal e no programa de mellora xenética do frisón, incrementándose nun 12% o financiamento do control do rendemento e calidade do leite.
Este apoio ao sector leiteiro e ao resto de eidos produtivos plásmase tamén, segundo explicou Ángeles Vázquez, nas axudas para a modernización das explotacións agrarias, financiadas con fondos Feader por un valor de máis de 48 millóns de euros. Ademais, increméntanse nun 7% os fondos dedicados á mellora das explotacións agrarias ata algo máis dos 26 millóns de euros e tamén as axudas á incorporación de mozos, ata os 16,2 millóns de euros. Nesta liña, engádense dúas novas liñas de actuación, como son as axudas á primeira instalación de pequenas explotacións, con 2,5 millóns de euros, e para servizos de asesoramento, xestión e substitución, con preto de 3 millóns de euros.
A conselleira do Medio Rural afirmou que todo este investimento ten como obxectivos fundamentais dispersar numérica e xeograficamente as axudas, incidindo nas zonas rurais interiores das provincias de Lugo e Ourense, elevar a porcentaxe de mulleres que acceden á titularidade ou cotitularidade de explotacións, diversificar o sector agrario e favorecer o proceso de reestruturación para acadar unha mellor dimensión das explotacións. Ademais, trátase de dotar dunha protección integral ao agricultor e gandeiro mediante a contratación de liñas de seguros subvencionados e fomentar o uso de enerxías alternativas para a moderación de custos nas explotacións.
Produción agropecuaria
No eido da produción agropecuaria, Ángeles Vázquez sinalou que esta representa o activo principal da actividade económica rural, medida tanto en termos de PIB como en emprego. Por iso, dixo, resulta un elemento clave na fixación da poboación e require da aplicación de enfoques sustentables, orientados á produción de alimentos de calidade diferenciada, que satisfagan a demanda dun mercado plural, esixente e competitivo. Nesta liña enmárcanse os 1,1 millóns de euros que se destinarán a indemnizar aos gandeiros que, dentro dos programas obrigatorios de sanidade animal, sufran o sacrificio de animais enfermos, con axudas tanto para o propio sacrificio como para a reposición de gando e compensación de perdas polo tempo que medie entre este e a reposición.
Tamén neste eido increméntanse nun 11% as axudas establecidas no marco do Plan Nacional Apícola, como medida de apoio que axude a paliar os danos causados polas enfermidades no sector apícola.
No terreo da promoción, a conselleira destacou especialmente a campaña Galega 100%, como aposta da Xunta para fomentar o consumo de leite, co obxectivo de mellorar a competitividade do sector e que os consumidores recoñezan a procedencia deste produto de calidade, e sinalou tamén que se incrementa nun 50% a partida destinada ao control da calidade dos produtos agroalimentarios. Tamén neste campo, cualificou como fundamental desenvolver actuacións para promover a comercialización, destinando para o plan especial de promoción agroalimentaria un 15% máis de fondos que no 2015. Ademais, increméntase o orzamento nun 10% para apoiar as actividades de promoción dos produtos de calidade que realizan directamente tanto os consellos reguladores como as asociacións sectoriais.
Desenvolvemento rural
No que atinxe ao desenvolvemento rural, reiterou que as prioridades do Goberno galego son a fixación da poboación e a mellora da súa calidade de vida. Por iso –sinalou a conselleira– nos orzamentos de 2016 increméntase nun 51,46% tanto as actuacións destinadas a reestruturación parcelaria como ás obras do plan de regadíos. Ángeles Vázquez salientou ademais o incremento nun 83,28% dos fondos da subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural, pasando de 13,5 millóns de euros de 2015 a preto de 25 millóns para 2016. Deste importe, 20 millóns estarán destinados a que os concellos galegos poidan realizar melloras nas infraestruturas básicas, en concreto do Plan Marco de Camiños Rurais.
Tamén anunciou a conselleira a dotación de axudas directas para a posta en marcha e mellora de microempresas non agrarias, que permitirán afondar na diversificación económica do rural e incidir así en políticas de creación de emprego, por un importe de 3,5 millóns de euros.