Mondoñedo, 11 de novembro de 2015.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo e o departamento de xeoloxía da Universidade de Oviedo veñen de asinar un convenio de colaboración para a medición dos niveis de gas de radón na Cova do Rei Cintolo.
A sinatura levouse a cabo este mércores entre a rexedora, a popular Elena Candia, e o profesor Sergio Llana Fúnez, en calidade de Coordinador do grupo de investigación “Procesos geológicos modeladores del relieve de la Cordillera Cantábrica” (GEOCANTÁBRICA)” do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo.
Tal e como explica o profesor, entre os obxectivos deste estudo, están a identificación de fallas profundas que teñen experimentado actividade en épocas recentes. Estas fallas adoitan presentar pequenas concentracións de gas radón que permiten identificalas.
En Mondoñedo existe un sistema de fallas que probablemente teñan sufrido desprazamentos en épocas xeolóxicas recentes, así como covas kársticas susceptibles de almacenar pequenas concentracións do radón procedente do interior da terra. Polo tanto, tal e como recolle o convenio, é do interese da investigación realizar medicións de radón en cavidades da zona, entre as que se atopa a Cova do Rei Cintolo.
Estas medicións tomaranse no aire e na auga cos aparatos axeitados e sen causar dano algún na cova nin deixar residuos de ningún tipo na mesma.
O equipo de investigación está formado por persoal do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo e do Departamento de Ciencias Médicas e Cirúrxicas da Universidade de Cantabria. O equipo está composto 20 investigadores de ambos os departamentos.
O convenio estará vixente ata o 31 de decembro do presente ano.