Socialistas e nacionalistas tiñan moita ansia por chegar ao poder na Deputación de Lugo pero, unha vez que o conseguiron, non deixan de dar mostras preocupantes da súa incapacidade de goberno: a última, finalizan o presente ano sen remitir os seus orzamentos ao Pleno. Incumpren, deste xeito, os prazos establecidos por lei. Sendo isto, dende logo, unha obriga, non unha opción. Demóstrase unha evidente falta de proxecto dos socialistas e nacionalistas para a provincia.
Parece obvio lembrar a importancia que ten planificar os ingresos e gastos para unha institución como a Deputación, que manexa preto de 90 millóns de euros que, ben xestionados, poderían solucionar moitas necesidades na provincia.
Algunhas destas dificultades xa as intuíamos cando comparecía Darío Campos no Parlamento para presentar as liñas mestras dos orzamentos. Ademais de mentirnos asegurando que farían os orzamentos en tempo e forma, en pasado días, víronse novos exemplos de que era incapaz de explicar as contas, -se as do próximo subirían o baixarían-. É sinxelo, non existían.
Lamentablemente a prioridade do PSOE non son os lucenses senón capear as súas liortas internas. Mentres, o BNG parece superado polo mal resultado electoral que o converte nunha forza residual na provincia, que podería perder incluso a súa representación na Deputación, incapaz de rendibilizar oito anos de Goberno bipartito.
Ademais dun síntoma, a non presentación das contas provinciais implica consecuencias negativas para os lucenses, que observan como os seus intereses son continuamente relegados ou directamente abandonados por socialistas e nacionalistas.
O bipartito ao verse obrigado a prorrogar as contas en curso prexudica aos nosos concellos, ás asociacións, aos clubs deportivos e ás entidades sociais e veciñais que a estas alturas do ano descoñecen as achegas que recibirán da administración provincial. Tampouco pode haber previsión, nin seguridade, nin sobre os convenios correspondentes ás subvencións nominativas, nin para planificar os principais investimentos a acometer desde a administración provincial.
Socialistas e nacionalistas teñen convertido á Deputación nunha institución sumida na parálise, polo que deixou de ser útil aos lucenses. Nada queda da alternativa da que presumían cando expulsaron ao PP, a forza máis votada, do Goberno provincial. Os que prometeron normalidade, ofrecen unha imaxe de improvisación e caos. Os primeiros orzamentos de Darío Campos nin tan sequera existen. A PSOE e BNG quédalles moi grande o goberno da Deputación e nin Lugo, nin os lucenses, merecen esta situación de incerteza porque ao bipartito non lle saen as contas.