A Sala de Exposicións de REGALXUNQUEIRA – Viveiro acolle este xoves 10 de decembro a partir das 20.00 horas a inauguración da exposición “Viveiro: dous mundos” de Jaime Oroza. Ao seu remate servirase un viño e algo de comer.
“Pensaredes: “o intramuros e o de fóra de murallas”, bueno, tamén, pero fundamentalmente quero referirme ao da imaxe e ao das verbas; ás veces complementándose nunha conxunción, ás veces diverxendo cun trusgo no infinito do paraíso, por baixo dos soños, ou flotando coma soños máis aló do teito de vidro cheo de espellismos ata atopar o furado negro que libera o ar. Collerse da man a eses dous mundos e deixarse levar, non queda outra?, si, esperar con paciencia as milagres, as historias xordas que nos van transmitindo e que van facendo xermolar outras no noso maxín persoal, viaxando a pulos, coma rás pola estrada da choiva, con impactos xordos e vagabundos, as máis das veces coa noite coma cómplice.
As imaxes corresponden a lugares camiñados, os poemas son encrucilladas de pensamentos, de sentimentos, que foron xurdindo nos camiños, nos lindeiros, riba das pontes, na beiramar… Lugares camiñados coma a Maraleixa, o Souto da Retorta, monte Castelo, S. Roque, Penedo do Galo, Penido, Silvarosa, Saímas, Sacido, Socastro, Faro, Ferida, Fraga Moura, mesturados nun remuíño calidoscópico que conforman a vida duns pés de lume xa algo cansos, eivados, que fan alumear o mar dos soños en imaxes na ardora. Convídovos a degustalos sen feitizos.
Degoiro de transeúnte, fóra e dentro dos muros da cidade está o meu mundo, tamén por riba, tamén por riba nos furados do ceo, que non me esqueza do trasno, dime el; el ándao todo.
A meirande parte destas imaxes xa non poden atoparse; ningunha, atreveríame a dicir,ou desapareceron ou cambiaron, que tamén é un xeito de desaparecer, cousas da luz, coma os meus pés de lume. Si, tiña razón Paul Eluard cando dixo aquilo de “hai outros mundos, pero están neste”. Preguntádelle ao trasno que levades dentro, ou á ninfa ceibe. Qixen…?, que qué quixen facer con todo o conxunto?, só un poema para vos, isto é todo, polo menos ata agora. Douvos o que teño. Chega de abondo con que haxa un lugar ceibe, por moi eivado que estea para que non deámo-lo soño do noso ideal por perdido; berros miúdos de liberdade, chíos que latexan dende o outro lado.”
Jaime Oroza.