Ribadeo, 31 de decembro de 2015. A Concellaría de Servizos Sociosanitarios agradécelle á Asociación de Veteranos do Ribadeo FC a súa solidariedade. A fin de semana pasada, coincidindo coa celebración do I Torneo de Fútbol Feminino, o colectivo recolleu alimentos non perecedoiros que lle entregou ao Concello para que proceda ao seu reparto entre as familias con máis necesidades de Ribadeo.
Víctor Manuel Pérez Quintana, membro da Asociación de Veteranos do Ribadeo FC, encargada da recollida, explicou que “na fin de semana pasada, durante o I Torneo de Fútbol Feminino, os equipos doaron alimentos para cedelos á Concellaría de Servizos Sociosanitarios. A recollida fíxoa a Asociación de Veteranos do Ribadeo FC, que foi a que organizou este I Torneo, e como inscrición, pedimos que os equipos participantes doaran uns produtos non perecedoiros. Recollemos bastante a pesar de ser un torneo pequeno, de catro equipos soamente”. E lembrou que “é a terceira vez que participamos nunha iniciativa deste tipo; os dous primeiros anos doabamos vales de compra de carne e peixe, e este, por cambiar algo aproveitamos que tiñamos este torneo para recoller alimentos”.
Sonia Vizoso agradece o xesto do colectivo, que contribuirá “a que varias familias pasen estas datas dun xeito máis agradable”.