Cervo, 30 de decembro de 2015. O Concello de Cervo entregou os cheques coas axudas aos tres centros educativos do municipio, entre os que repartiu 3.750 euros. Os beneficiarios son o CEIP Cervo, o CEIP Cervo Número 1 e o IES Marqués de Sargadelos, que recibiron 1.250 euros cada un. Trátase de subvencións de apoio á educación, polo que os centros poden destinar os importes á posta en marcha de actividades culturais, recreativas ou de calquera tipo, sempre que redunden en beneficio da comunidade escolar. Tamén poden ir dedicados a gastos de funcionamento, conservación, mantemento e reparacións menores.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Dolores García, entregaron os cheques aos representantes dos centros para “contribuír con eles na dinamización do ensino a través dunha subvención que entregamos todos os anos”, sen esquecer ademais a liña aberta de colaboración que mantén o Concello cos colexios e o instituto, financiando obras e actividades sempre que os centros o requiren.
Ao mesmo tempo, a edil destacou que “traballamos durante todo o ano para tentar abarcar todos os aspectos que permitan mellorar o ensino”. Desta forma, lembra as axudas ás ANPAS entregadas hai uns días como unha colaboración máis coas entidades educativas e tamén as subvencións para material escolar e libros para as familias ou as de transporte para veciños que estudan fóra do municipio.
Dolores García mencionou tamén “as numerosas actividades que se poñen en marcha para público infantil, como é o caso da Ocioteca (todos os sábados durante o curso escolar), ou os Enredos (nos períodos de vacacións), que mesturan a vertente lúdica coa aprendizaxe e que constitúen un complemento á educación”.