Foz, 7 de xaneiro de 2016.- A residencia de maiores de Foz está sendo equipada nestes días e o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, pretende que estea en funcionamento no primeiro semestres deste ano. Con este motivo reuniuse este xoves en Santiago de Compostela co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.
Despois da xuntanza o rexedor municipal focense manifestou: “hoxe tivemos unha reunión con xerente do Consorcio Galego de Benestar, Perfecto Rodríguez, e agradecémoslle que a nova residencia estea rematada, xa co edificio entregado pola empresa á Consellería. E temos unha nova boa máis, pois ese equipamento, que custou 158.957 euros, está sendo instalado pola empresa Lógica Equipamientos Integrales xa durante esta semana. Tratamos de avanzar no seguinte paso, que é a xestión do centro, pois queremos que estea en funcionamento no primeiro semestre deste ano; e para iso tamén falamos da posible transición entre os dous centros: o actual asilo de anciáns da Fundación e o novo xeriátrico. Dende o goberno municipal de Foz non queremos que haxa diferenzas entre uns e outros e cremos que se debe facer a transición dun centro cara ao outro; hai moitos agravios, xa non só nos equipamentos e no edificio senón tamén nos servizos e dende logo non queremos que haxa maiores de primeira e de segunda no noso municipio, a menos de 100 metros. Polo tanto, queremos que esa transición se faga así, que os empregados que hai tamén actualmente no asilo e os propios residentes poidan ter unha transición tranquila, que non lles afecte para nada. E esa idea o Consorcio tamén a entende”.
Javier Castiñeira engadiu que “a idea que mellor encaixa é unha xestión externa, un servizo público totalmente igual que en calquera outra residencia, pero cunha xestión externa, posto que pero se o persoal ten que ser do Consorcio xa non se podería integrar o que está traballando actualmente no asilo. Polo tanto estivemos avanzando neste sentido”.
O alcalde de Foz tamén comentou que este foi o seu primeiro contacto co novo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que “ten actualmente unha gardería Galiña Azul, que dá servizo a 54 nenos e nenas do noso municipio. E agora, en menos de seis meses, seguramente teremos tamén unha nova residencia de maiores e centro de día, que estará en funcionamento grazas ao compromiso do Consorcio Galego de Benestar e á Consellería, agora con José Manuel Rey pero antes estivo Beatriz Mato, que foi a conselleira que financiou este proxecto, e tamén grazas ao compromiso do presidente de Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo”.