Mondoñedo, 26 de xaneiro de 2016.- O xornal ‘Mondoñedo’, editado desde 1987 pola Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo culmina unha etapa coa presentación o último número editado baixo a dirección de Xosé Ruiz Leivas, quen preside a asociación e dirixe o xornal desde 2003.
Con tal motivo, as institucións, asociación e persoa s que convocan este acto expresan o seu desexo de, ademais de facer a presentación pública deste número, render homenaxe e agradecemento a Xosé Ruiz Leivas, e aproveitar a ocasión para debater sobre un futuro posible para a prensa mindoniense.
Mondoñedo, cidade pioneira na implantación da imprenta en Galicia, onde se imprimiron títulos fundamentais para a historia deste país, onde se editaron máis de 50 cabeceiras de xornais e revistas de todo tipo, e outras moitas doutras vilas, e na que se contabilizan arredor dun cento de nomes de escritores e escritoras nacidos ou vinculados a Mondoñedo, non pode renunciar ao seu fecundo legado literario e xornalístico.
Actividades programadas
19.00 h.- Presentación do último número do xornal ‘Mondoñedo’
Participan: Elena Candia López, alcaldesa de Mondoñedo; Antonio Reigosa, cronista oficial, Luís Fernández Ansedes, presidente da Asoc. “Abrindo Camiño” e coordinador da plataforma cidadá “Comarca de Mondoñedo Unida”, e Xosé Ruiz Leivas, presidente da Asoc. de Amigos da Cidade de Mondoñedo e editor-director do xornal ‘Mondoñedo’.
19.15 h.- Crónicas vivas: Parladoiro para evocar o pasado e propoñer un futuro para a información local. Desde os medios clásicos ás novas tecnoloxías.
Participan: Xosé Ruiz Leivas, editor e director do xornal ‘Mondoñedo’, Fran Bouso, profesor e colaborador habitual nos medios de comunicación, e Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, que fará as veces de moderador.
Durante o acto proxectarase “A liña das letras”, unha documentada revisión a través dunha liña do tempo da interacción entre os escritores e a prensa mindonienses desde mediados do s. XIX ata os tempos actuais, elaborada por Manuel Gago, Armando Requeixo e Javier Álvarez para culturagalega.gal.
Tamén participan colaboradores do xornal (Pedro Díaz, Xe Freyre, José Mª Palacios, Josechu Artiaga, Conce Agrelo, Jesús Chao Falcón, Andrés García Doural, Arturo Bello, Pepe de Noriega, Lorenzo Ares, J. Luis Fernández Queno, Hermes, Luciano do Monfadal …) que de seguro traerán á memoria a Ricardo Pedreira, primeiro presidente da Asociación e director do xornal, a Xosé Díaz Jácome, cronista oficial de Mondoñedo, entre outros.
Organiza: Plataforma “Comarca de Mondoñedo Unida”
Colaboran: Asociación “Abrindo Camiño”. ACIAM. Amigos da Cidade de Mondoñedo. Circulo Recreativo Casino. Xuvenil “Xoldra”. Deportiva Mondoñedo Ciudad. Pais, nais e alumnado da Escola Municipal de Música. Grupo Literario “Leiras Pulpeiro”. Orfeón da Sociedade de Obreiros. Colectivo Mondoñedo É … Pais e Nais do IES San Rosendo AMOLOU. Asoc. “As San Lucas” e o concello de Mondoñedo.