Burela, 18 de febreiro de 2016.- A Mancomunidade de Municipios da Mariña solicitará unha subvención para a posta en práctica de programas integrados para o emprego. O presidente, Alfredo Llano, considera que se trata dunha posibilidade moi interesante para a comarca, xa que suporá formar a 60 persoas desempregadas e 18 serán contratadas por un período de tres meses.
Llano dixo que “esta subvención dará pé a dar formación a unhas 60 persoas e despois hai que ofrecerlle inserción laboral ao 30% da xente que acuda a este programa. É dicir serían 18 persoas ás que terían que estar contratadas durante 3 meses. Entón teríamos que buscar 18 empresas para acoller a esas persoas”.
O presidente da Mancomunidade considera que “para un Concello so sería moi difícil acadar estes obxectivos, sen embargo no caso da Mancomunidade poderíamos agruparnos os concellos e así repartir as responsabilidades e a inserción laboral. É algo moi beneficioso para a Mancomunidade”.
Alfredo Llano explicou que “agora mesmo estamos a agardar para ver qué Concellos queren participar, que penso que son a grande maioría, e imos facelo por este método”.
E engadiu que “a duración deste programa será de 12 meses e as subvencións son de 2.400 euros por cada persoa desempregada que participe no mesmo ou pode chegar incluso ata os 3.000 euros. Penso que é unha boa cifra para levar adiante este tipo de formación. Quero animar e motivas aos Concellos que formamos partes da Mancomunidade para que agrupándonos salgamos todos beneficiados”.