O pentatleta internacional viveirense e triple medallista continental, Cristóbal Rodríguez, obtiña a pasada fin de semana a medalla de prata co equipo olímpico español no Open de España, celebrado na localidade do Prat en Barcelona, puntuable para o ránking olímpico.
Tras dar comezo a competición ás seis da madrugada o pentatleta de Viveiro era terceiro en natación cunha marca de 1,57 nos 200 metros libres, tan só superado polos británicos James Cooke, actual récord do mundo de natación en pentatlón, e Joseph Choong. En esgrima o pentatleta de Viveiro conseguría a segunda praza tras vencer en 30 combates. No sector de hípica foi penalizado por 3 paus, pero aguantaba a posición saíndo ben situado para a proba de carreira e tiro. Rodríguez, que arrastra problemas na súa perna dereita, tivo que ser infiltrado para poder correr e esta en man dos médicos e os fisios. Aínda así, e malia a atascárselle a arma, conquistaba a décima posición individual nunha competición do máis alto nivel internacional.
Á súa actuación hai que engadir as de Joan Gispert e Heredia que permitiron ao equipo nacional conquistar con estes tres deportistas a medalla de prata. Máis relegados quedaban o outro galego en liza, Raúl Blanco e o catalán Andy Sanz. O primeiro posto era para a potente Alemaña á que os españois plantaron cara e, a medalla de bronce, para Arxentina.
A boa actuación do equipo nacional permitiulles clasificarse de xeito directo para a Copa do Mundo do Cairo que se celebra entre o 25 e 28 de febreiro na cidade exipcia a onde España viaxará co mesmo equipo.
O pentatleta mariñán mostrábase satisfeito pola boa actuación e espera que coa melloría da súa perna poida realizar aínda mellores resultados.