Lugo, 28 de marzo do 2016.- O Delegado de Cultura na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, participou na mañá deste luns no acto organizado pola Área de Cultura encol do Día Mundial do Teatro.
O nacionalista fixo fincapé na función social do teatro “unha ferramenta cultural fundamental para trasladar á sociedade determinadas reflexións, denuncias e actitudes críticas cada vez máis necesarias nos tempos que corren” dixo.
A lectura da Mensaxe polo Día Mundial do Teatro, da autoría de Anatoli Vasiliev, correu a cargo da vicepresidenta da FEGATEA e integrante do grupo lucense Hipócrita Teatro. Pecharon o acto Fiz López e José Ángel, de Lusco Fusco Teatro, e Anxo Manoel Lamelo, de Lucecús Teatro, que realizaron unha cómica improvisación teatral na que o público tamén foi protagonista.