Foz, 9 de marzo de 2016. Semella que a actual equipa directiva do SERGAS fixera as “prácticas” na extinción dos lumes da Xunta de Fraga-Feijoo. Só deste xeito entendemos a autocomplacencia do seu desmentido diante das queixas do BNG-Asembleas Abertas ao respecto do desleixo na cobertura das sucesivas e prolongadas ausencias de profesionais no CS de Foz (algunha continúa: os usuarios ben que o padecen).
Publican un desmentido cando por fin despois de 6, 8 e máis meses se volven a incorporar os profesionais, actuando con desprezo cara aos usuarios destacando no desmentido as “prestaciones” (sic) do Centro de saúde e suliñando “que cuenta con ocho médicos de atención primaria (6 en horario de mañana y 2 de tarde), 7 diplomados universitarios de enfermería, además de pediatra, odontología, higienista dental, fisioterapeutas (uno en horario de mañana y otro de tarde), auxiliares de enfermería, personal de servicios generales, administraciones, entre otros”. Fáltalle saber ao autor do desmentido que “cuenta con” tería que implicar que sempre están cubertas estas figuras.
No canto de explicar o que non fixeron durante as ausencias continuadas e as previstas dos profesionais (nunca desmentidas porque foi ASÍ), adícanse a describir as prestacións do CS de Foz, todo un paradigma do criterio da dirección dos servizos desta administración, que fala do Servizo sanitario coma quen vende unha moto (a ver se vai ser eso o que están a facer…). E para cando os doentes deixaron de precisalo, as ausencias foron parcialmente cubertas. O mesmo cos lumes desta Xunta: nada de planificación, nada de prevención, nada de dotar adecuadamente as equipas, os centros; simplesmente agardar que chova/se reincorporen. Cando empezou a chover, extinguíronse os lumes, e xa está todo explicado. Todo un éxito de planificación sanitaria e de inoperancia.
O BNG continúa a demandar unha cobertura adecuada das urxencias sanitarias de tarde no CS de Foz. O Sr. Conselleiro Vázquez Almuíña ten PAC na súa localidade, da que foi alcalde, e o actual Director de Atención Primaria de Lugo traballaba no PAC de Guitiriz, alí si hai urxencias de tarde e non o que deixaron en Foz.
Todo é unha completa trapallada. Cando se eliminou a figura do médico de urxencias de tarde coa complacencia do alcalde, a que viña o cupo restrinxido que se reservara para o anterior tenente de alcalde do PP? Castiñeira dicía que era para cubrir as urxencias, agora ten xa un cupo normal, e o SERGAS dí que temos moitas “prestaciones”… E os usuarios teñen que ir a Burela, triste realidade.
Continuamos a demandar a cobertura das baixas, das reduccións de xornada, unha adecuada planificación dos permisos dos profesionais, etc, e menos pseudoliteratura nos desmentidos. Hai que estar un pouco mais ao pé dos usuarios e non faltar á verdade; os feitos foron e son como describe o BNG-AA. Xa saben o que dí o dicionario dos que non saben o que poderían ou deberían saber…
Lorena Seivane
Teresa Rego