9 de marzo de 2016.- É noticia que o gasto público en educación caeu un 15 % durante a crise, mentres que o gasto familiar medrou preto dun 30 % no mesmo período; nada novo ou que non coñeceramos, non había máis que mirar ao redor, máis aínda cando que en Galicia os orzamentos da Consellería de Educación baixaron un 33 % dende 2009, deixando 680 millóns de euros no camiño, e así é a nosa realidade: os centros educativos públicos están nos límites operativos nos seus orzamentos, os cadros de persoal reducíronse ata estarmos no mínimo posible, de tal xeito que nin cobren axeitadamente as baixas por enfermidade dos compañeiros; a atención á diversidade, que tamén precisa de medios económicos, ficou pouco menos que abandonada nestes anos; as iniciativas que se saen do funcionamento estritamente indispensábelcoutáronse totalmente e non hai cartos para saídas, para material, mesmo moitas veces para os bens máis elementais, calefacción, ambientes confortables, mobiliario axeitado, dotación de novas tecnoloxías, todo se reduciu.
Ao mesmo tempo as familias pagamos matrículas maiores nas ensinanzas artísticas e musicais, e por suposto nas universitarias; no ensino obrigatorio pagamos totalmente os libros de texto, porque antes da crise cumpríase o mandato constitucional da súa gratuidade e ninguén os pagaba, agora incúmprese; agora todas as familias copagan os comedores escolares que antes eran gratuítos, temos cada vez máis esixencias por parte dos centros educativos que se ven afogados nas súas contas, pagamos fotocopias, pagamos saídas extraescolares, moitas anpas son requiridas para participar economicamente no mantemento dos centros escolares, para achegar uns centos de euros para poder facer unha competición deportiva ou unha exposición artística; mercamos os libros que deben ler os nosos fillos e fillas porque as bibliotecas non teñen dotación para se actualizar…, para nós todo o gasto incrementouse.
E isto é grave, moi grave, pero hai algo moitísimo peor: estase introducindo unha conciencia de abandono do público, unha sensación de que esa educación que reciben os nosos fillos e fillas non é de calidade, non é boa, que é preciso suplementala externamente con outros medios, outros profesionais, actividades complementarias, outras perspectivas de futuro, e as familias continuamos a pagar para tentar mellorar dende fóra o que se nos está a negar dentro, cada vez un pouco máis.
Máis isto ten tres consecuencias perversas, a primeira é que dentro dese contexto de recorte hai dous tipos de familias, as que poden pagar eses complementos aparentemente necesarios, e aqueloutras que xa directamente non teñen capacidade económica para facelo, ben porque non poidan achegar ningún tipo de recurso complementario, ou ben porque a contía do recurso que os seus fillos ou fillas precisarían é dun tal custo que resulta inaccesíbel; e por aí imos privando do dereito á educación aos nenos e nenas que pertencen a familias con situacións económicas complicadas, aos que teñen necesidades especiais de solución difícil, aos que precisarían unha axuda suplementaria a xeito de clases de reforzo ou colaboracións puntuais; afondamos máis na privación cando se recortana atención á diversidade e se van creando pequenas parcelas de discriminación, non facemos actividades inclusivas porque son máis caras, non temos persoal de apoio que lle permita a moita xente dar ese pequeno salto cara a presenza normalizada no seu colectivo, non adaptamos os centros escolares a toda a variedade do seu alumnado.
A segunda consecuencia é o abandono que están a sufrir miles de profesionais do ensino público, que ven infravalorado o seu traballo sen teren a posibilidade de demostrar a súa capacidade e o seu interese; moitos dos nosos profesores e profesoras non son quen a levar adiante un proxecto porque non teñen ningún dos medios necesarios para xestionalo, porque todo o seu traballo ten que adicarse á docencia presencial, privándolle de valor a todo o traballo complementar que poderían e mesmo deberían facer.
E a terceira consecuencia, que é a maior perversión do sistema, é a ruptura da equidade que sempre foi o faro do noso Ensino Público. Se non temos un ensino inclusivo, se non temos un ensino no que caibamos todos e todas, dá igual os medios que as familias economicamente favorecidas lles poidan achegar aos seus fillos e fillas, dá o mesmo o número de títulos universitarios que se poidan conseguir, importan pouco as listaxes de nivel ou os postos que se poidan ascender neses informes pagados dos que tanto gustan estes gobernos, o que obteremos do noso ensino público é xente mal formada, porque non teñen medios, nin materiais nin humanos para se formar mellor; pero o que obteremos como sociedade, veñan do ensino público, do concertado ou do privado, é xente socialmente incompleta, que non serán quen de comprender a variedade da nosa propia esencia e que descoñecerán a complexidade que nos define como seres humanos.
Levamos anos dicíndoo: non gastar en educación é o mesmo que traballar na creación dun enorme burato negro no noso futuro, máis que ninguén se engane: nese burato imos caer todos e todas, primeiro os máis desfavorecidos, pero logo han caer todos os demais, porque unha sociedade que non é xusta nas oportunidades e nos medios para conseguilas non é unha sociedade que poida sobrevivir.






















O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.



