A Sección de literatura de tradición oral da AELG propón visitar Mondoñedo para asistir a unha nova Polafía, unha revista oral que terá como tema central a figura da actriz mindoniense Manuela Rey. O que suceda nesta Polafía, como xa sucedeu en todas as anteriores, gravarase para incorporar ao arquivo oral da web AELG.
O acto terá lugar na Casa da Xuventude de Mondoñedo o sábado, 2 de abril, ás 19:00 horas, e conta coas intervencións de: Manuel Lourenzo, Chus Amieiro, Margarita Bermúdez, Andrés García Doural, Paco Piñeiro, Mª Paz Rodríguez Silva, Antonio Reigosa e Isidro Novo.
A parte musical corre a cargo de: Fran Bouso, Xulia Nogueira e Alberte Núñez.
Este acto, organizado pola AELG e Mondoñedo É conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a Consellaría de Cultura e a colaboración do Concello de Mondoñedo.
Manuela Rey
Manuela Rey naceu en Mondoñedo en 1842. Como actriz tivo unha carreira rápida e brillante, ata converterse nunha das principais figuras da interpretación en Portugal. Morreu de tifo cando o éxito máis lle sorría, con só 23 anos.
Non se sabe con certeza como Manuela chega a formar parte dunha compañía de teatro ambulante que pasaría por Mondoñedo, pero con só seis anos xa subiu aos escenarios recitando versos e facendo pequenos papeis.
Aínda que hai outras versións da súa traxectoria, parece que Manuela chegou a Lisboa en 1856 formando parte dunha compañía española de teatro. Pouco a pouco gaña prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacadas de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título ‘Galería artística’, da autoría de Machado, Andrade e Ferreira. Ademais de actriz, escribiu algunhas obras, así como cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos.
Cando sucedeu a súa prematura morte, Manuela era a principal actriz do Theatro D. Maria II de Lisboa, o gran teatro nacional portugués. Díxose que o rei Pedro V se namorou dela, e que a seu enterro acudiron en masa os lisboetas.