A Mariña, 15 de marzo de 2016. O BNG apoia a concentración que vai ter este mércores ás oito da tarde na Praza do Concello de Burela convocada para denunciar o trato inhumano ás persoas que foxen do conflito sirio que as propias potencias occidentais alentaron e apoiaron no seu papel de xendarme imperialista, como xa o fixeran antes noutras nacións da zona do Oriente Medio.
Non podemos asumir que no noso nome, a Unión Europea incumpra sistematicamente os dereitos fundamentais como xa están denunciando diversas ONGs e a propia ONU en relación ao acordo da UE con Turquía, afirmou a responsábel comarcal Ana Ermida.
Para o BNG é preciso denunciar con contundencia o rexeitamento da sociedade mariña e galega ante o trato “carente de calquera principio humanitario” que estamos vendo tódolos días en países considerados democráticos e integrantes dunha UE, cuxos dirixentes cada día están mais afastados do pobo sen ofrecer solucións xustas e socialmente aceptábeis.
Os nacionalistas promoven iniciativas en todo o territorio galego para retirar dos edificios públicos municipais a bandeira da Unión Europea “como xesto de repulsa ante a barbarie que se está cometendo coas persoas refuxiadas da guerra siria”.
Por último, desde a organización nacionalista chaman á poboación mariñá a mostrar o rexeitamento ao que está a suceder cos refuxiados sumándose á concentración convocada por organizacións políticas e sindicais na tarde do mércores en Burela.