Polo menos durante tres días o presidente de Estados Unidos, Barack Obama, renunciou a ser o líder do Mundo Libre para, dobregado, sentarse entorno a unha mesa e compartir prato, cubertos e mantel co actual responsable dunha das ditaduras máis dilatadas das que aínda perduran en Occidente: a que lidera o réxime dos irmáns Castro.
Hai quen quizá poida percibir con bos ollos un xesto innegablemente histórico que levaba case 90 anos sen producirse, pero o certo é que o resultado foi un notable fracaso: nin máis apertura, nin o compromiso de impulsar unha transición democrática, nin o cese efectivo da reprensión fronte aos disidentes.
Podo chegar a entender que exista quen defenda o levantamento das sancións comerciais baixo o manido argumento de que o bloqueo fai dano ao pobo, non ao gobernante. É certo que, mentres moitos en Cuba pasan necesidades pola carencia dalgúns alimentos e servizos básicos, os seus caciques seguen fumando os mellores puros nos seus palacios, rodeados de luxos.
O que de verdade incomoda ao ditador de quenda é recordarlle con insistencia a obrigada de convocar eleccións e respectar os dereitos humanos. E, sobre todo, non consideralo como un interlocutor válido. En consecuencia, foi un grave erro ese espazo de complicidade de presidente a “presidente”
Hai quen di que a visita de Obama a Cuba foi un xesto valente. Eu penso todo o contrario: que foi un acto de covardía, dirixido a enganar ao mundo, baixo o pretexto de facer normal o que non o é, baixo o absurdo convencemento de que cando a ditadura está disfrazada de progre, é menos oxidada e daniña. Equivócanse e moito os que así pensan.
Valentes son as damas de branco, que saen á rúa dispostas a enfrontarse ao réxime, reclamando a posta en liberdade dos seus familiares prendidos polo simple delito de pensar diferente e cometer a ousadía de manifestalo. Valentes son os homes e as mulleres aos que a policía militar empurran, insultan e torturan, ou atemorizan para que non saian de casa ou para impedir que falen coa prensa internacional.
Con toda seguridade serán elas e non os xestos hipócritas de Obama, que só busca facer negocio, os que máis pronto que tarde permitirán que Cuba rexurda libre e en paz. Son exclusivamente elas e eles -os disidentes e non Obama- quen fan grande, cada día, co seu exemplo e sacrificio o valor da democracia.
Toño Gallego, avogado