No marco das celebracións do Día Mundial da Muller e do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, que se celebra o vindeiro 15 de marzo, a Unión de Consumidores de Galicia reuniu a cinco mulleres para falar, en primeira persoa, de consumo, igualdade e dereitos das persoas consumidoras desde unha perspectiva de xénero.
O resultado destes encontros é unha entrevista na que conflúen temas de actualidade como a chamada taxa rosa ou a influencia das novas tecnoloxías nos hábitos de consumo con vivencias persoais e valoracións sobre a imaxe da muller na publicidade. “Cinco mulleres arredor do consumo” foi posíbel grazas a participación da Directora Xeral de Comercio, Sol María Vázquez; da xerente da Praza de Abastos de Santiago, Marta Rey; da cooperativista de Gaia dos Nenos, Míriam Parada; da Doutora en Química Orgánica, Beatriz Noya e da asociada da UCGAL, María Dolores Vicente.
Con esta experiencia, a UCGAL quere dar voz ás problemáticas que afectan ás mulleres en materia de consumo consciente de que hai cuestións que tenden a pasar desapercibidas para o conxunto da cidadanía. Esta asociación considera un dos seus obxectivos fundamentais avanzar cara unha sociedade onde as relacións de mercado sexan máis igualitarias e na que non teña cabida a discriminación por xénero.