Cervo, 1 de abril de 2016.- Para celebrar o Día da Árbore o Concello organizou para este venres plantacións de especies autóctonas en Cervo e San Cibrao, actividade na que participaron 236 alumnos e alumnas dos dous colexios do municipio e que contou coa asistencia da edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez.
A concelleira explicou que “vimos de celebrar o Día da Árbore, que se conmemora o 21 de marzo pero por cuestións de axenda dos nenos tivemos que aprazalo ata este día; e ademais esperamos a que houbera unha xornada co bo tempo. Plantamos primeiro na zona da Ría, en San Ciprián, cos nenos do colexio desta localidade que puxeron o seu nome a cada unha das árbores. Isto ten a importancia singular de que agora cada neno, como ás árbores están nunha zona moi accesible, poderá ir mirar se a súa árbore prendeu e se medra. En Cervo tamén fixemos o mesmo cos dos colexio desta localidade, neste caso a plantación fíxose na zona das Quintas. Alí tamén cada un púxolle o seu nome á arbore que plantou e tamén é unha zona bastante axeitada para que os nenos a poidan visitar de vez en cando cos seus pais”.
Manuela Méndez destacou que “no Concello de Cervo seguimos apostando pola reforestación dos montes municipais coa plantación de especies autóctonas, sempre árbores que se adapten ás nosas zonas e que sexan propios de aquí. Aparte destas zonas que hoxe plantaron os nenos o Concello segue coa reforestación dos seus montes que resultaron queimados no pasado verán. E queremos darlle as grazas á Fundación Alcoa, que nos cedeu as árbores para as plantacións de hoxe, como unha aposta máis polo medio ambiente; e, como non, aos colexios e aos seus profesores, que tiveron que levar aos nenos e estar pendentes deles en todo momento para que isto fora posible”.