Xove, 27 de abril de 2016. Este venres, 29 de abril, da comezo en Xove a Festa das Flores que organiza a Aciam. O amplo programa de actividades que se desenvolverán durante os dous días de festa arrinca co pregón de Roberto Vilar e seguirá con verbenas, mercado, xantar popular, música, teatro e interesantes sorteos.
O programa da Festa das Flores dará comezo o venres, día 29, en Chao da Aldea co pregón que pronunciará o presentador e actor xovense Roberto Vilar, a partir das 20.30 horas. Haberá o Venres de tapeo nos locais hostaleiros, que estará dedicado á Festa das Flores. Ás doce da noite terá lugar o sorteo presencial do tapeo do mes de abril, que presentará tamén Roberto Vilar e a continuación concerto de Joni Ramos, presentando o novo espectáculo The show must go on. A primeira xornada deste evento festivo rematará coa verbena amenizada por Cronos Band, de Xove.
En Chao da Aldea o sábado ás 11:00 da mañá abrirá as súas portas o Mercado da Festa das Flores. Ás 12.30 horas terán lugar as ofrendas tradicionais á Virxe María, seguidas de misa á unha do mediodía e de procesión. Para as 14:30 horas está prevista a sesión vermú, que amenizará Cronos Band e na que intervirán os gaiteiros de Saíñas. A xornada de festa continuará co xantar popular ás 15:00 horas, co teatro a cargo do grupo da ACD Xove ás 17.30 horas e con xogos tradicionais entre as seis e as oito da tarde a cargo de Magüeta Animación. Xa pola noite a partir das dez actuación musical de Vatican Crowes e verbena amenizada por Cronos Band e ás doce sorteo presencial da Aciam de Xove, dunha cesta con diversidade de produtos e valorada en 1.500 euros. “Para participar no sorteo o único que hai que facer é adquirir rifas nos nosos establecementos asociados”, indican desde a Aciam.
Como actividades paralelas explican desde a directiva da asociación “teremos un photocall para que os asistentes á Festa das Flores sexan os protagonistas e garden un bo recordo desta cita. E ademais entre o pasado 25 de abril ao 1 de maio poderase ver na sala de exposicións do Centro Cívico a mostra sobre Os maios”.
Desde a directiva da Asociación de Comerciantes de Xove lembran que “xa levan varios días á venda os tíckets para participar no xantar popular da Festa das Flores. Si se adquiren anticipadamente custarán 6 euros e si se mercan o propio día da comida o prezo será de 8 de euros”. E engaden que “todas as persoas que o desexen poden atopar información detallada na nosa páxina de facebook Aciam Xove”.
Land Rober
Varios membros da Aciam de Xove acudirán este mércores ao programa da Televisión de Galicia Land Rober, que presenta o xovense Roberto Vilar, pregoeiro da Festa das Flores 2016. A Asociación de Comerciantes de Xove aproveitará esta visita para facer promoción desta cita e da localidade.