A Mariña, 19 de abril de 2016.- A Mancomunidade de Municipios da Mariña amosou o seu apoio á Conserveira Alonso, de Celeiro, e aos seus traballadores. O presidente, Alfredo Llano, asegura que é fundamental que se manteña a súa actividade nesta comarca. E tamén apoiou por unanimidade a proposta do IES de Foz para solicitar dous ciclos superiores para ese centro, vinculados ao comercio e á restauración. Sobre a normativa para aplicar sancións aos madeiristas polos danos causados nas pistas volverá a estudarse este asunto en vindeiros plenos da Mancomunidade para que os Concellos presenten as súas propostas de mellora ou modificación.
Llano referiuse tamén ao Plan Coopera: “tivemos onte un pleno ordinario da Mancomunidade porque era necesario tratar unha cuestión que é fundamental, como é o Plan Coopera, do que recibimos un premio para poñer inmediatamente a traballar á Mancomunidade no aspecto da violencia de xénero e no plano da igualdade. Entón vamos sacar as bases para un procedemento e ofertar ás empresas que queiran participar neste proxecto que presenten as súas propostas e poñernos a elo o antes posible, porque aínda que o premio foi entregado en marzo ímonos poñer a andar para que no mes de decembro, polo menos, xa estea culminado todo este proxecto do Plan Coopera. Onte estivemos falando desta iniciativa e decidimos que en principio vamos continuar con ela; non se trata soamente de aplicar os 40.000 euros que recibimos do primeiro premio que nos deron por este proxecto senón que a idea de todos os representantes da Mancomunidade é continualo, porque é un problema que consideramos moi importante e que hai que atallar o antes posible. Vamos acelerar todo o posible para que se poñan a traballar todos os Concellos a través dos Centros de Información ás Mulleres (CIM) e das Intervencións para que cos actos e accións que haxa en cada Concello tratar o problema na súa dimensión”.
Vespa asiática
Sobre a avespa asiática o presidente da Mancomunidade contou que “informamos a todos os Concellos de que mañá remata o prazo para adherirse á campaña de control da avespa velutina. Cada Concello pode solicitar a adhesión a esta campaña para tratar de coordinarse e gañar en medios e información. O que fixemos a través da Mancomunidade é dicir que estamos dispostos a cooperar e traballar neste obxectivo de eliminar a avespa velutina e vamos facelo dando información a través de conferencias e cursos para todos os Concellos. Tamén estamos dispostos a colaborar coa Xunta de Galicia, a través de Medio Rural e como eles nos indiquen, para facelo o antes posible. Ademais vamos contar cos apicultores para que comenten as súas experiencias e dunha forma coordinada e clara apoiar esta campaña. Niso tamén estamos todos de acordo e vamos poñernos con elo o antes posible. Tamén estamos agardando por unha resolución da FEGAMP coas directrices que marcan para aplicar nos Concellos e nas Mancomunidades”.
A artesanía tamén estivo presente no pleno da Mancomunidade celebrado onte: “ademais estivemos falando dos premios da artesanía e queremos promover e publicitar máis esta ruta de artesanía que estamos implantando e queremos ampliar. Queremos que dea resultados, pois pensamos que a idea é moi boa, pero hai que poñela a andar para que sirva e poidamos contrastar o efecto que está dando. Trátase de poder beneficiar a cada Concello a través das rutas de artesanía, promovendo por unha parte aos artesáns pero tamén poñendo información enriba da mesa para que a xente saiba o que hai, aparte dos artesáns, e cada un dos concellos e o que neles pode atopar”.
O presidente da Mancomunidade subliñou que “apoiamos de forma solidaria tanto aos traballadores da empresa conserveira de Celeiro para que se manteña esa actividade e que a empresa intente seguir na nosa comarca, pois pensamos que é fundamental que os postos de traballo se manteñan, ademais nunha actividade laboral tan ligada á pesca e á conserva. Apoiamos aos traballadores e á empresa para que xestione e se active aquí”.
E engadiu que “outra petición, que tamén se aprobou de forma unánime, foi formulada a través dos representantes do Concello focense para que o IES de Foz poida ofertar para o curso que ven dous novos ciclos superiores vinculados coa Restauración e co Comercio. Aquí, na Mariña, o que queremos é que siga medrando a oferta educativa, como todo aquilo que sexa atractivo e bo para os veciños da comarca”.
Madeiristas
Sobre os madeiristas e os danos ocasionados nas pistas forestais Alfredo Llano explicou que “abordamos a forma de traballar nas pistas forestais de cada un dos Concellos e o tratamento que se debe facer para evitar o deterioro das vías, unha vez que se fai a actividade. Xa se tiña feito hai tempo na Mancomunidade un acordo entre todos os Concellos para a creación dunha normativa que establecemos. Esa é unha base de referencia que queremos que se aplique en todos os concellos, porque ten que ser así: en todos os municipios da Mariña deben aplicarse unhas condicións mínimas. Iso xa está feito, pero o que se debateu é se hai outras alternativas, unha fórmula mellor e establecer outros métodos que sexan máis efectivos para que as pistas queden en mellores condicións unha vez que se rematen os labores de extracción de madeira. Iso vamos tratalo noutros plenos para buscar unha solución mellor para que iso sexa así. Entón imos escoitar a tódolos Concellos, porque evidentemente desde que se ten aprobado aquela normativa, que foi consensuada e aprobada en cada un dos Concellos, aínda que igual non se está aplicando en todos pero polo menos hai o documento. Pero desde aquela a hoxe hai novos alcaldes que se foron incorporando e tamén queren facer algunha proposta para intentar melloralo e que sexa moito máis efectivo coas medidas que se tomen. Debaterase sobre este asunto, pero o que queremos é que por enriba de todo sexa un documento compartido, que sexa aprobado por unanimidade e que todo o mundo faga o mesmo na Mariña”.
Llano concluíu sinalando: “foron debates cordiais sempre mirando polo ben da Mariña”.