Lugo, 13 de abril de 2016.- Na mañá deste mércores o Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, xunto con Fran Rei, representante do colectivo solidario-artístico internacional Pallasos en Rebeldía presentaron a “Xornada de Sensibilización sobre as persoas refuxiadas” que celebrará o venres 15 en Lugo.
A Sala de Exposicións do edificio da Deputación de Lugo, sita no Pazo de San Marcos da capital lucense, será o lugar no que se desenvolverán as actividades, de libre acceso ata completar o aforo, “orientadas a que a cidadanía tome unha maior conciencia da crise humanitaria, política e territorial da que todos e todas formamos parte e que están a sufrir millóns de persoas refuxiadas nas fronteiras europeas”, tal e como sinalou na rolda de prensa Fran Rei, membro de Pallasos en Rebeldía. A Xornada reunirá activistas pro-refuxiadas e artistas galegos e internacionais enraizados a nosa terra e cultura nunha “mostra de diversas disciplinas artísticas e de multiculturalidade e convivencia de culturas”, como destacou na presentación Xosé Ferreiro, delegado de Cultura da Deputación de Lugo.
Tal e como explicou o Delegado de Cultura, “nun principio estaba previsto que a xornada se realizase na praza de San Marcos mais, ante as condicións metereolóxicas adversas que ser prevén decidimos trasladar todo o evento á Sala de Exposicións da Deputación, que se acondicionará debidamente para a ocasión e para que poida ter un aforo suficiente” informou.
Así mesmo, Ferreiro insistiu en que “desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo tendemos a man para continuar a realizar actividades de sensibilización coma esta ante situacións dunha gravidade tremenda como é o desastre humanitario que está a acontecer nestes momentos coa connivencia da Unión Europea” dixo. O responsable da Área de Cultura salientou tamén que “desde a Área que represento temos claro que non podemos mirar para outro lado ante tal situación e cremos que é responsabilidade de toda a sociedade, e tamén das institucións que a representa, sermos responsábeis e loitar por un mundo máis xusto e solidario” dixo.
Unha programación diversa chea de solidariedade e compromiso
Nesta Xornada Pallasos en Rebeldía estreará na Xornada a exposición fotográfica “Risas contra Muros” que recolle o seu labor de apoio ás familias de refuxiadas do campamento de Idomeni, na fronteira heleno-macedonia, desenvolvido do 8 ao 10 de marzo. Exporanse unha escolma dunha ducia de fotografías do fotógrafo Carlos Cazurro, colaborador asiduo do colectivo solidario, “para seguir coa denuncia das políticas migratorias da UE, inhumnas e ilegais”, tal e como explicou o artista galego Rei esta mañá.
A Xornada dará comezo ás 18.00 horas con actividades para nenos e nenas. A primeira delas será a actuación do artista belga-galego Rudi Dudi co seu espectáculo de música e malabares “Rastafarudi”. Ás 19.00 horas o escritor lucense Anxo Moure recitará os seus “Contos Solidarios” e ás 19.30 horas a agrupación senegal-galega Mbolo Mooye Doolè (-a ritmo de corazón, en senegalés-) brindará aos máis cativos un obradoiro de percusión, danza e música africanas baseado en habilidades sociais coma a empatía e a tolerancia.
O acceso do público ao Pazo de San Marcos estará dinamizado pola compañia Lucecus Teatro que realizará unha performance na entrada simulando un Check Point da man de autoridades policiais fronterizas. Ás 20.00 horas celebrarase un espazo para o debate tralas charlas da Paula Fernández Branco, doutoranda da USC e membro de BDS Galiza, e a lucense Pilar González, activista pro-refuxiadas.
O colofón final da Xornada de Sensibilización sobre as Refuxiadas será a Gala Solidaria polas refuxiadas, que será presentada polo lucense, Lois Pérez, poeta e dramaturgo, a partir das 21.30 horas. A Gala contará coas actuacións do activista italiano Leo Bassi, colaborador habitual de Pallasos en Rebeldía; a humorista galega Isabel Risco; a compañía galego-arxentina de maxia e clown Cía. MundoMandarina; Zercalo (banda conformada polo acordeonista e cantante bielorruso Vadim Yukhnevich, e o lucense Totó Barreiro, á guitarra española); e ao remate, Alou Tama, unha agrupación musical senegal-galega de voz e percusión.
Sobre Pallasos en Rebeldía
Este colectivo artístico-solidario acolle a un grande número de artistas internacionais comprometidos coas artes e a risa como medios dinamizadores de procesos en países en conflictos e cos colectivos que están a sufrir inxusticias por parte das autoridades gubernamentais como é son o caso das comunidades indíxenas ou as persoas refuxiadas, do pobo palestino ou nesta crise humanitaria nas fronteiras europeas.
Nos últimos meses Pallasos en Rebeldía organizou dúas caravanas de pallasos “Risas contra Muros” aos campamentos de refuxiadas de Idomeni (na fronteira de Grecia con Macedonia do 8 ao 10 marzo) e aos campos de Calais e Dunkirque (ao norte Francia, na fronteira con Reino Unido, do 1 ao 3 abril). Nestes lugares o colectivo, realizou actuacións de circo, maxia e clown para tratar de sacar sorrisos ás familias de refuxiadas e, asemade, fixo performances artísticas reivindicativas frente ás vallas alambradas. Nestes dous meses recaudáronse un total de 5.500 euros que foron destinados a organizacións sociais alternativas que operan nestes campamentos; 4.500 euros a Refugee Care que segue a traballar en Idomeni e 1.000 euros a Help Refugees, ONG que continúa na “Jungla” de Calais.
Na actualidade, Pallasos en Rebeldía está a organizar a terceira caravana de pallasos para continuar coa súa campaña de denuncia das políticas migratorias da UE para o que segue a recibir doacións de entidades e particulares no seguinte número de conta habilitado para á causa das refuxiadas: ES13 2100 4333 1502 0005 4202.




















Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.
Este venres visitaron Ferrol e As Pontes, e o sábado serán os actos institucionais de benvida no concello de Ribadeo. Pola mañá será inaugurada unha placa conmemorativa da visita, e despois a recepción oficial na Casa do Concello.
Villares detallou algunhas destas accións no encontro empresarial organizado en Vilalba pola organización profesional BNI LOU VCR Breogán, un grupo de networking integrado por unha trintena de empresarios e profesionais da provincia. Entre outras, referiuse ás axudas para favorecer o establecemento dos traballadores autónomos ou para o fomento da contratación; os plans do Igape para a expansión e innovación do tecido produtivo, ou as iniciativas de formación. “Apoiar as empresas, as pemes e aos autónomos é apoiar o futuro do territorio”, afirmou.
A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.



