Burela, 15 de abril de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, mantivo unha xuntanza no Concello con responsables da Xerencia Territorial do Catastro de Lugo con Luis Fernando Jácome á cabeza. O Concello prevé aplicar a revisión dos valores catastrais a partir do 1 de xaneiro de 2017. O rexedor asegurou que “é de xustiza facelo” e lembrou que a última revisión data do ano 2006.
Llano contou que este venres “tivemos unha reunión moi importante e interesante coa Xerencia Territorial do Catastro de Lugo. Veu un responsable, Luis Fernando Jácome, que estivo aquí explicando tal e como vai o que nosoutros tíñamos solicitado para aplicar no Concello de Burela, unha revisión dos valores catastrais”.
O alcalde explicou que “entón o primeiro que se fixo nesta reunión foi marcar uns prazos de actuacións, de traballo, de apoios desde o Concello e desde o Catastro para que a partir do día 1 de xaneiro do ano 2017 se poida aplicar esta nova valoración catastral. O que trouxeron hoxe foi unha ponencia de valores, onde se nos explicou perfectamente a valoración catastral por zonas, o valor do solo que hai nos diversos lugares de Burela coa súa respectiva codificación, pois non é o mesmo loxicamente unha zona que outra. Pero estivemos vendo e analizando os valores que teñen agora e os que se propoñen, porque hai que dicir claramente que isto é de xustiza facelo xa, posto que os valores catastrais non poden superar o valor de mercado; hai que adaptalos a un 50 por cento do valor de mercado”.
Para Alfredo Llano “isto xa tiña que estar feito posiblemente, pero nosoutros desde o momento que fomos conscientes do problema eu penso que actuamos conforme ao que debe ser beneficioso para os veciños de Burela de maneira global. Na gran maioría dos casos vai haber unha diminución dos valores catastrais respecto aos actuais porque hai que adaptalos ao valor de mercado, o que vai repercutir no pagamento do imposto de bens inmobles (IBI). Esta é unha medida que consideramos xusta e que debe ser aplicada, porque hai que adaptalo ao valor real de mercado”.
O rexedor burelés dixo que “o que fixemos foi planificar as datas de intervención, de aplicación, de facer todo o necesario para culminar todo o proceso da valoración catastral aproximadamente no mes de decembro. Vaise mandar unha carta a cada contribuínte explicándolle ben cal era e cal pasará a ser valor catastral das súas propiedades. A xente vai ter unha información clara e concisa”.
E engadiu que “tamén hai que adaptar estes valores catastrais á nova realidade que temos en Burela, porque despois de aprobar o Plan Xeral evidentemente houbo unha serie de cambios nalgúns terreos, pois uns pasaron a rústicos, outros a consolidados. Hai que ter en conta todo iso e darlle o valor catastral que lle corresponde agora con este Plan Xeral”.
Alfredo Llano seguiu a relatar que “xa nos dixeron agora tamén os responsables do Catastro que aparecen unha serie de titulares que son descoñecidos e vamos tratar de regular isto, porque evidentemente non son poucos: hai bastantes fincas, solares e incluso no rústico propietarios dos que non sabemos quen é o titular. Por tanto vamos tratar de sabelo”.
O alcalde indicou: “en definitiva vamos procurar deixar isto ben asentado para que sexa unha referencia clara a partir do ano 2017 e que se adapte a como corresponde por lei e que os veciños saiban exactamente o valor catastral que teñen as súas propiedades e ademais como se modificará o pago do IBI, que eu agardo que sexa á baixa. Tamén teño que aclarar que non todas as zonas de Burela son iguais: non é o mesmo ter un solar no centro que noutro lugar, na periferia, nun sitio que non teña tanto valor. Polo tanto non vai influír da mesma maneira a todos, cada valor é individualizado de cada unha das propiedades”.
Llano cre que “isto é algo moi importante e estamos cumprindo unha das nosas obrigas desde que entramos no Concello e que xa solicitáramos cando estábamos na oposición, como é facer unha nova valoración catastral para o concello de Burela. Vamos intentar aplicar durante todo o que resta deste ano todas as directrices, xestións, parámetros e datos que poidamos para en decembro ter todo listo e que se poida aplicar xa a nova valoración catastral a partir do 1 de xaneiro de 2017. Para iso vamos facer unha valoración colectiva, unha ponencia de valores que xa nos presentaron eles e que vamos estudar no Concello para dicir se estamos ou non de acordo dentro dos límites que nosoutros podemos establecer. E seguiremos dando os pasos correspondentes para que isto sexa unha realidade no ano 2017”.