Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016.- O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, acusou este mércores ao goberno galego de “frear” deliberadamente o desenvolvemento da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia. O deputado socialista presentará unha moción no próximo Pleno para esixir o cumprimento da sentenza que lle reserva á DOP o uso das alusións a Galicia na etiquetaxe.
O deputado socialista acusou á Xunta de alentar a “guerra” entre a DOP e a industria nunha estratexia paralela á do leite galego, provocando que Galicia deixara de ser o primeiro produtor mundial de mexillón en 2010. En lugar de potenciar o produto autóctono, dixo, o goberno galego ampara a posición das distribuidoras que etiquetan produto foráneo como “envasado en Galicia” para confundir ao consumidor.
Ao mesmo tempo, dixo, asfixian á DOP para parar co seu desenvolvemento, ata o punto de que só o 14 por cento dos produtores galegos están amparados baixo o seu paraugas cando “poderiamos estar a falar da primeira DOP de España e unha das primeiras da UE en número de quilos”. En lugar diso, dixo, tan só supón unha terceira parte da produción, co que “algo terá que ver a acción do Goberno”.
Val desafiou ao goberno galego a demostrar “se queren apostar pola produción propia e polo mexillón diferenciado coa etiqueta da DOP”, xa que do contrario “o mellor será desrexistrar a marca”.
Sentenza
O deputado socialista reclamoulle ao goberno galego que garanta o cumprimento da sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, que lle reserva á DOP o uso de fórmulas como “das rías galegas”, “elaborado en Galicia, ou “envasado en Galicia”. Lembra ademais que de acordo coa sentenza tampouco poden facer referencia ou evocación a Galicia os produtos do mexillón que non estean amparados pola DOP aínda que a súa orixe real sexa esta.
Val reclamou un “cambio radical” da política do goberno galego e do PP con respecto ao mexillón galego reservando orzamento público para a única Denominación de Orixe Protexida de Galicia que a día de hoxe non conta con axudas do goberno. Finalmente, reclamou “accións precisas para fortalecer e aumentar o número de produtores certificados” baixo esta marca de calidade.