Burela, 14 de abril de 2016.- Tal e como é habitual desde a organización do Festival Osa do Mar, procédese a anunciar as novidades no cartel do evento, o cal segue sumando talentosas bandas para facer dos días 19 e 20 de agosto algo memorable.
Desde a organización teñen o pracer de anunciar a Pega Monstro e La Bien Querida.
Pega Monstro: procedentes de Portugal, as irmás Júlia e Maria Reis desembarcarán en Burela desde a súa Lisboa natal para ofrecer todo un despregamento punk-rock repasando os seus dous traballos editados ata o momento, “Alfarroba” e “Pega Monstro”. As súas letras descaradas e directas enganchan ao público coas súas potentes melodías. Sen dúbida, o seu directo non deixará a ninguén indiferente.
La Bien Querida: Trátase, sen dúbida, dun dos pratos fortes da terceira edición do Osa do Mar. Cabeza de cartel para a bilbaína Ana Fernández-Villaverde, animada polo líder dos Planetas para dedicarse ao mundo da música no ano 2007. Estamos ante unha das personalidades máis destacadas do indie español grazas á súa calidade (amplamente recoñecida por público e crítica) e a súa marcada proposta musical.
No seu paso pola localidade da Mariña poderemos escoitar os temas do seu novo álbum, “Premeditación, nocturnidad y alevosía”, así como as súas cancións máis emblemáticas.
Lembran ademáis que as entradas e abonos do festival poden adquirirse de maneira anticipada a través da súa páxina web www.osadomar.com