Foz 13, de maio de 2016.- Membros das asociacións culturais da Mariña que forman parte da plataforma cidadá Queremos Galego compareceron na tarde deste venres diante dos medios de comunicación para presentar a convocatoria de manifestación do 17 de maio, que congregará miles de persoas “mostrando, máis unha vez, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e accións políticas reais e efectivas para repola e rehabilitala en todos os espazos”.
A manifestación sairá da Alameda de Compostela e rematará na Praza da Quintana coa lectura dun manifesto e varias actuacións
O lema escollido para esta convocatoria é “O idioma é a vida” recollendo un verso do coñecido poema “A fala” de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas este ano.
A voz e a palabra de Manuel María estará presente no acto final da manifestación que se celebrará na Praza da Quintana onde tamén contaremos coa actuación de Mini e Mero ou de Fran Amil e a tribo incompresíbel.
O acto final será unha mostra masiva da alegría e do orgullo que temos como pobo por contarmos con lingua propia, que está viva grazas ao traballo e o compromiso, practicamente en solitario, da propia sociedade, malia a actitude tantas veces hostil dos gobernos da Xunta e do Estado e mesmo dos tribunais, como evidenciou recentemente o TSXG.
O decretazo contra o galego de Feixó está morto e deslexitimado
A manifestación deste ano prodúcese nun contexto no que o decretazo contra o galego, que impuxo Feixó en solitario e sen ningún apoio, está absolutamente morto e deslexitimado, como lembrou recentemente o Consello de Europa. O goberno de Feixó ten a responsabilidade de velar polos intereses de Galiza, quen ataca a lingua de Galiza, ataca os intereses de Galiza, a vida de Galiza, a súa capacidade para desenvolverse plenamente. A lingua propia une e fortalece. Feixó ten un compromiso legal coa lingua, mais tamén moral como presidente da Xunta.
A Plataforma Queremos Galego salientou ademais que “todos os avances para a lingua galega foron conquistas da sociedade. As Irmandades da Fala foron a primeira mostra da necesidade de organizarse e mobilizarse para conseguir avances.
Haberá transporte colectivo desde a comarca para quen queira aistir
Facemos un chamado a todas as persoas que aman Galiza, que aman a nosa lingua, que queren avances para ela, posibilidades de uso e accións públicas que permitan instalarse no galego con total liberdade a quen non o fala, sen estigmatización, sen desprezos”.
Haberá autobuses desde A Mariña. Prezo: 5 euros adulto. Para anotarse hai que chamar aos teléfonos: 982581861, 982140654 e 605377317.
Na presentación estiveron algunhas das organizacións e colectivos culturais da comarca que integran a Plataforma Queremos Galego na Mariña: CIG, Asociación Cultural A Pomba do Arco, Asociación Cultural Ollomao, BNG, Observatorio da Mariña Pola Igualdade, Asociación Cultural Buril, e Asociación Cultural Francisco Lanza.