Mondoñedo, 19 de maio de 2015.- O Concello de Mondoñedo informa que este venres 20 de maio, ás 20.30 horas, dará comezo o Concerto da Fraternidade, no auditorio municipal. Neste proxecto participarán 120 alumnos de catro centros de educación musical da comarca de A Mariña, concretamente, do Conservatorio de Música de Viveiro, e das Escolas de Música de Xove, Burela e Mondoñedo.
A rolda de concertos comezou o venres pasado, no Concello de Xove, e continua mañá en Mondoñedo, para rematar no mes de novembro en Burela e Viveiro, respectivamente.
O Concelleiro de Educación, Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto García Fernández, sinalou que “levamos varios días cos preparativos deste macro concerto, onde, de xeito gratuíto, poderemos ver en escena a preto de 120 alumnos dos coros e orquestras de catro centros de educación musical de A Mariña”.
Por outra banda, o edil mindoniense, invitou a asistir a esta actuación, destacando o importante papel dinamizador da cultura destes centros de educación musical.
O concerto constará de pezas musicais que tratarán temas como a diversidade, a fe, a esperanza, a paz e a pobreza.