Santiago, 11 de maio de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou na mañá deste mércores unha iniciativa, impulsada polo Grupo Popular pero co voto en contra de toda a oposición, na que demanda á Unión Europea un cambio no sistema de reparto das cotas de pesca. O acordo insta ás autoridades comunitarias e estatais a promover a revisión do actual modelo, impulsando un mecanismo de xestión dos recursos pesqueiros que permita que as cotas sobrantes poidan cederse ou traspasarse ás flotas, como a galega, que precisan de posibilidades de pesca adicionais para continuar a súa actividade.
O portavoz do Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, lembrou que, segundo un recente estudo da Cooperativa de Armadores de Vigo, que analizou as 20 principais especies sometidas a TACs e cotas durante o período 2008-2014, non foron utilizadas máis de un millón de toneladas en posibilidades de pesca asignadas aos distintos estados membros, cun valor económico desaproveitado que, segundo estimacións, supera os 1.800 millóns de euros.
Esta situación provoca, indicou Balseiro, “unha evidente contradición, pois mentres a Unión Europea di defender o aproveitamento máximo das capturas, ata o punto de prohibir os descartes e obrigar a devolver ao mar o peixe capturado sobre o que non existe cota, pola outra banda vemos como hai países que non aproveitan todas as súas posibilidades de pesca”.
Unha nova oportunidade
O portavoz popular amosou o seu convencemento de que poñendo en marcha este mecanismo “estaríamos ante unha nova oportunidade para aumentar os TAC e cotas que dispón a flota galega e corrixir o modelo actual que obrigou a unha parte substancial da nosa flota a asumir enormes sacrificios, peches e perdas”.
De feito, Balseiro lembrou que, tanto desde a Xunta como desde o Partido Popular, “se intentou en múltiples ocasións modificar o sistema europeo de reparto vixente por consideralo inxusto e insuficiente, impulsando tanto iniciativas políticas como xudiciais, pero ambas vías non deron o resultado pretendido”.
“Cambiar o sistema esixe de unanimidade dos estados membros, e os países que saen favorecidos no reparto nunca aceptan o cambio. E a vía xudicial, tampouco prosperou, pois os sucesivos recursos que se presentaron ante o Tribunal de Estrasburgo sempre foron rexeitados”, explicou.
Co PP aumentan os TAC e cotas
Con todo Balseiro si quixo poñer en valor os esforzos que o Partido Popular e o Goberno galego e central fixeron nos últimos anos para incrementar as cotas de pesca dentro do corsé que permite Europa
“Desde que o PP está presente nas mesas de negociación en Bruxelas, con responsabilidade de goberno en Madrid ou coa conselleira do Mar presente na delegación negociadora, as posibilidades de pesca da nosa flota téñense incrementado nun 13 por cento entre os anos 2012 a 2014, mentres que co PSOE acontecía todo o contrario: entre 2005 e 2012, reducíronse un 44 por cento”, dixo
Balseiro mantivo que a insuficiencia das cotas de pesca parte dun problema de orixe, da data de ingreso de España na Unión Europea. “Os que daquela negociaron as condicións de acceso aceptaron unha clave de reparto fixa, invariable desde 1983 e profundamente desequilibrada, xa que, mentres España representa entorno ao 24 por cento do total da flota pesqueira europea, so posúe entre o 7 e 8 por cento das súas cotas”, apuntou.
Hipocrisía política na oposición
O acordo parlamentario saíu adiante grazas á maioría absoluta do Partido Popular, pero co voto en contra do PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto, que coincidían nas súas emendas na necesidade de insistir na vía da impugnación xudicial a pesar de que se demostrou o seu fracaso.
Esta circunstancia valeu para que o voceiro do Mar dos populares galegos censurase a hipocrisía política dos partidos da oposición que reclaman máis posibilidades de pesca para Galicia e despois son incapaces de apoiar as iniciativas que van nesa dirección, polo simple feito de que é o Partido Popular quen as impulsa.
Balseiro concluíu que “á hora da verdade, a flota galega non pode contar cos partidos da oposición na defensa dos seus intereses e, o que aínda é máis grave, na procura de solucións para facer do mar un medio de oportunidades profesionais, de emprego e de futuro”.


















A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.
“O concerto queda posposto para outro domingo no que Toxo Guayaba nos poida acompañar. Iremos informando”, explican desde a organización.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
Foi promovida polo ximnasio ABFitness en colaboración co Concello de Ribadeo para promover a vida activa e o deporte neste municipio. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “agardamos seguir a colaboración e que cheguen a este concello máis actividades e propostas para impulsar a vida activa e o estilo de vida saudable”.
López Campos salientou o apoio da Xunta a esta cita pola súa relevancia cultural e polo seu papel na dinamización do rural, así como pola forte implicación veciñal que a sostén. Durante o acto, entregou un dos premios do concurso escolar de relato e debuxo, integrado nun programa que combina artesanía, produtos de calidade, obradoiros e música. Pola súa banda, Iria Castro percorreu os postos das filloeiras, que ofreceron centos de racións deste doce tradicional aos numerosos visitantes. A deputada tamén visitou o punto de degustación de xamón de porco celta do programa Un gusto de rural, un rural degusto e o posto de divulgación Lambiscadas Científicas, dúas propostas impulsadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e integradas na programación da feira.
Carlos López destacou que a Deputación colabora con esta cita –a través dunha achega de 3.000€- porque é unha das celebracións gastronómicas máis coñecidas do norte de Galicia, capaz de poñer en valor a tradición culinaria e a riqueza natural do entorno. Durante toda a mañá tiveron lugar na contorna da Praza dos Fornos os concursos de lance e mosca, unha exhibición de pesca, a pesada e as clasificacións. Xa pola tarde, tras a entrega dos trofeos, tivo lugar a verbena a cargo de Suavecito e Pedro Bermdez.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.



