A Concellería de Patrimonio e Paisaxe do Concello de Ortigueira na súa aposta pola conservación e difusión do numeroso patrimonio do Concello de Ortigueira e polo fomento dun turismo sostible e respectuoso co medio, colaborará co proxecto “Alén dos Castros”.
Unha liña de actuación que se realizará en colaboración co grupo informal Cado Arqueoloxía e que será financiado polo programa Iniciativa Xove da Consellería de Xuventude e Voluntariado.
“Alén dos Castros”, ten como obxectivo poñer en valor o xacemento arqueolóxico Punta dos Prados do Porto de Espasante (Ortigueira) e que o ben permaneza vivo, visible e visitable para veciños/as e visitantes.
As accións a realizar se centrarán na súa limpeza, control arqueolóxico, acondicionamento do lugar así como o de sentar as bases para a súa protección futura. De maneira paralela organizaranse diversas charlas e actividades divulgativas para todos os públicos cara a socialización do castro e patrimonio da contorna.
O proxecto desenvolverase na segunda quincena do vindeiro mes de agosto e quen o desexe pode seguir día a día o proxecto a través da páxina facebook.com/alendoscastros, onde se compartirá toda a información relativa ao proxecto e axenda das actividades a realizar.